A cidadanía que sofre a crise nas súas costas e outea o horizonte sen esperanzas está cada vez máis indignada. Boa mostra son as prazas das nosas cidades revivindo o 15M no seu primeiro cabodano. Amen da expresión publica mais ou menos organizada, está a indignación soterrada, en acumulo. Personalizada. De quen leva anos zarandeado e desangrado, inerme ante a impunidade.
Tras unha longa ditadura, chegouse a unha praia que prometíase de augas limpas. A miseria moral e o deterioro da dignidade dos tempos escuros, parecían deixar paso unha nova sociedade. Os auspicios alentaban pouco tal ilusión. Nacía un Partido Socialista, enxerto socialdemócrata defectuosamente implantado no vello PSOE falecido en Surennes. O P. C., emulo de Enrique IV de Francia, o primeiro rei francés Borbón que xa mostraba formas, “París ben vale unha misa”, entendía que uns escanos ben valían unha bandeira. O nacionalismo, lastrado coa cegueira que da demorarse nun espazo reducido, era alleo en grande medida a obxectivos comúns. Os franquistas máis argalleiros apañábanse nun curso intensivo de transformismo democrático para especializarse en expender carnés de demócratas. A Constitución nacía eslombada nunha bóveda de aceiro. O seu espírito achegábase perigosamente ao xuízo de Lampedusa, “algo debe mudar para que todo siga igual”. E como sempre un Borbón. Unhas veces chegado da man do sabre, (Martínez Campos), outra utilizando o rumor de sabres e o testamento do defunto “Caudillo”, para erixirse en augusto salvador da partitura, “avanzando eu o primeiro pola senda constitucional”... ¡Que previsible é esta familia¡
Tras case catro décadas, o soño democrático fica tan enfraquecido coma a carne que servía a patroa ao estudante, que a través dela vía o prato. Os dereitos gañados polas xeracións que deixaron partes importantes da súa vida na súa procura, desvanécense entre os dedos dos seus fillos, netos ou bisnetos. Si quedase algo de sensibilidade, este país avergoñaríase vendo como xogaxe co dereito a unha xubilación digna tras toda unha vida de sacrificio. Ou ante a visión da mocidade con vinte ou trinta anos vagando como espectros pola casa paterna ou dos avós sen acadar unha ocupación estable. Ou aos parados con corenta e cincuenta anos convertidos en desfeito do mercado laboral.
É unha democracia en risco tanto na súa credibilidade como na práctica. Un sistema que no colmo do absurdo posibilita por vía de exemplo, a descomunal estafa que pretendese facer á cidadanía con Bankia. O grado de consunción e tal que permite que o pai da burbulla inmobiliaria baixo a éxida do Sr. Aznar, o Sr. Rato, convértase en profesional da burbulla especulativa presidindo un Consello de Administración que lembra unha necrolóxica funeraria. A nada desconsolada esposa, Neves Alarcón, casualmente esposa de Francisco Granados, ex Secretario Xeral do PP madrileño. Os fillos, María Zaplana, bolseira en Caixa Madrid, casualmente filla de Eduardo Zaplana. Os cuñados, Carmen Cavero casualmente cuñada de Ignacio González, Vicepresidente do Goberno de Aguirre, e Alarcó Canosa, casualmente cuñado do Sr. Rato e irmán de Anxos Alarcó, presidenta de Paradores Nacionais. Os curmáns, Aguirre Pemán, casualmente curmán de Esperanza Aguirre que e senador e foi responsable de Merrill Lynch en España e Portugal. E demais familia… Mercés da Mercé e Manuel Lamela (PP), Arturo Fernández (vicepresidente da CEOE), etc. Na comitiva incrústanse algún socialista, sindicalista ou membro de EU como guindas útiles para argallar o enterramento. Todo iso trala rifa tabernaria dos Blesa, Rajoy, Gallardon, Rato, Aguirre e demais grupos de poder do PP madrileño por Caixa Madrid. “Pelexáronse por ela coma se fose un xoguete e rompérono", en palabras de Tomás Gómez. O mesmo que a inclusión no proxecto de Bancaja, tralo que estaban as presións de afíns do Sr. Camps (o do exquisito gusto polos traxes) aínda que os populares intenten derivar o lume cara a outros.
Unha catastrofe en grande medida responsabilidade dos políticos e os xestores que tiveron nas súas mans o control do sistema financeiro. E que logo voaron impunes con sumas millonarias baixo as ás. Coa bendición do inefable “MAFO” azoute dos dereitos dos traballadores e lacaio do capital. Desde o seu atalaia do Banco de España tiña a obriga de controlar latrocinios, embustes e corruptelas. Vaites¡
En Bankia como en entidades similares que nos collen máis preto, as dietas, os gastos de representación, as indemnizacións abusivas, os contratos blindados, as xubilacións fastuosas, etc. fixadas pródigamente en comisións “ad hoc” entre amiguiños, non son o chocolate do loro. En España non sería arriscado afirmar superan os mil millóns de euros, ou sexa máis 166.000 millóns das antigas pesetas. En Galicia de acordo con fontes cribles sospéitase que exceden con fartura os 150 millóns de euros. Mais do dobre do que considera a Xunta como recorte para este exercicio. Teñen nome e apelidos. Facendo honra ao apelido do Sr. Fiscal Xeral, a fiscalía é sumamente doce co tema.
É lexítima a indignación ao ver a Facenda, máis garfo que parte harmónica dunha administración ao servizo da comunidade? Gadoupa selectiva sobre pequenos empresarios ou asalariados, esquecendo as lentes que corrixen a súa miopía ante os grandes defraudadores, hoxe presuntos amnistiados por lei. Ou cando o xefe do estado anda pola senda dos elefantes e o seu xenro transita a senda dos xulgados lanzando globos sonda para ver de saír mellor parado? Ou cando se denuncia que un titular das máis alta instancias da xudicatura usa os fondos públicos para fins pouco edificantes? “O moito volvese pouco só con desexar algo máis” dicía Quevedo.
Compre indignarse cando o despropósito administrador do patrimonio público devén en fortunas pingues que non casan coa situación de inicio? Ao velos circular impunes deixando tras de si os “froitos” do seu paranoia e rapiña?. Compre a indignación ante a impunidade desta cleptocracia saída das entrañas do trafico de influencias e favores? É de recibo que a vicepresidenta dos gromos verdes, aínda quente o corpo do goberno que agonizou coa peor crise económica da democracia apareza xa cun suculento contrato empresarial?
Como contrapartida, o asañamento coas economías máis minguadas. O ataque sistemático á columna vertebral do “estado social, democrático e de dereito”.(Titulo preliminar, Art.1 Constitución Española).
Mentres, o Sr. Rajoy, nin sabe, nin contesta. Ou fuxe pola porta do garaxe.