Xosé A. Gaciño |
Ate o presidente dos Estados Unidos está máis preocupado pola recuperación do crecemento en Europa que a mesmísima chanceler alemá, que pasa por ser a líder de facto desta Unión Europea sometida á cura de austeridade máis rigorosa despois da Segunda Guerra Mundial. O novo presidente socialista da República Francesa atopa máis receptividade para as súas propostas de volver dinamizar a economía da eurozona noutro lado do Atlántico que nos cumios de Bruxelas, onde reina a capacidade intimidatoria de Merkel.
Todo elo mentres Grecia está ao bordo do abismo, pendente dunhas novas eleccións para caer pola súa conta ou caer aforcada pola corda dos rescates, e España espera vez de asfixia total despois de desvelarse a verdadeira situación dun banco presuntamente xestionado con irresponsabilidade e presuntamente supervisado con neglixencia (co efecto colateral de que as manobras previas de encubrimento levantan as sospeitas sobre todo o sector financeiro español). Obama necesita que Europa empece a recuperarse para que os seus efectos axuden a consolidar a aínda incipiente recuperación económica estadounidense (o que repercutiría, á súa vez, nas súas posibilidades de ser reelixido). A necesidade de Grecia e España (pero tamén Irlanda, Portugal e Italia, polo menos) é de pura supervivencia.
O enroque merkeliano ten atascada a situación nunha sorte de círculo vicioso. Entre propostas imposíbeis, negociacións interminábeis e dogmas inmutábeis (ultraliberais, por suposto), a crise vai galopando por Europa adiante, aparentemente sen rumbo, pero cunha curiosa precisión na consecución de obxectivos parciais que, un tras outro, van desmantelando o que algún día foi coñecido polo presuntuoso nome de Estado do benestar.
Probabelmente por iso a crise, primeiro estadounidense e despois internacional, vai concentrándose finalmente na Unión Europea, ate agora campioa dos dereitos sociais. As propostas socialdemócratas para que se flexibilice a austeridade e se arbitren medidas que incentiven o crecemento non pasan de ser un intento desesperado de salvar o que se poda ante esa operación de asalto e derruba contra as conquistas sociais. Pode que non sexa xa cuestión de chegar ou non a tempo de frear ou de inverter ese proceso, senón de pensar noutro proceso diferente.
Quizais habería que empezar por esquecerse da espiral do crecemento continuo, mito creado nos tempos en que se pensaba que os recursos do planeta eran inesgotábeis e se desprezaban os cálculos de Malthus sobre os desfases entre o aumento implacábel da poboación e o ritmo limitado da produción. Quizais habería que pensar en medidas de redistribución tanto do traballo como da riqueza, non para eliminar a desigualdade (que sería utópico) pero si para que non se dispare a niveis de clamorosa inxustiza.
O principio de non gastar o que non se ten (tan citado por Rajoy) ben podería aplicarse ao conxunto do planeta, incluíndo o de devolver o que non se tiña e que se arrebatou a outros, en tantas operacións irregulares ou directamente fraudulentas de enxeñeiros financeiros, especuladores varios e multinacionais neocolonialistas.
Algunhas son ideas tradicionais da esquerda, que apenas traspasaron o estatus de obxectivos a longo prazo e que apenas se debaten en medios de difusión masivos (pode que nin sequera no ámbito interno dos partidos), pero que ben poderían servir para artellar, polo menos, un certo discurso de resistencia crítica fronte a la gran ofensiva desreguladora na que cabalga o ultraliberalismo triunfante, sobre todo porque as novas potencias emerxentes parecen chegar coas mesmas ansias depredadoras que o hoxe decadente bloque occidental desenvolvido e coas mesmas tendencias ás desigualdades brutais coas que se foron abrindo camiño os especuladores da abundancia.