José Luís Gómez |
Os afectados pola colocación de Bankia son máis de 400.000, que desembolsaron 3.092 millóns de euros. Moitos deles forman parte, á súa vez, da súa clientela, titular de dez millóns de contas. Os accionistas están pendentes agora de se hai investigación parlamentaria pero tamén de posibles querelas por estafa e apropiación indebida, xa que se non volven pór diñeiro na ampliación de capital quedarán case sen participación, tras perder xa a metade do que investiron, créndose as contas de Bankia.
Hai datos que dan calafríos: fai tres meses, o banco de Rodrigo Rato dicía que obtivera 305 millóns de beneficios en 2011, cando en realidade rexistrara perdas de 2.979 millóns, unha das razóns polas que agora pide ao Goberno do seu amigo Rajoy 19.000 millóns de euros que haberá que sumar aos 4.465 millóns xa inxectados a esta entidade resultante da fusión de sete caixas, entre elas Cajamadrid e Bancaja.
Detrás do escándalo de Bankia, xa convertido en todo un problema de Estado, sen precedentes na historia financeira de España, pode haber responsabilidades administrativas e penais, pero tamén as ten que haber políticas. Salvo que España renuncie ás formas propias dunha democracia e dun Estado de dereito.
Non é de estrañar que a nena que explica "por que os bancos enriquécense e nós non" sexa un fenómeno en YouTube.