Antonio Campos Romay |
A República nace enchida de ilusións e utopías. Pero tamén moi apremada por urxencias ancestrais. Tivo que afrontar de seguido moito retos sin apenas tempo para tomar folgos. Non foi allea a contemplar a necesidade de dar resposta ás sensibilidades dos territorios diferenciados. Paladín diso curiosamente foi un político, D. Manuel Azaña, cuxa bagaxe previa non o facia precisamente proclive a tal cousa. As circunstancias nacionais de Cataluña, Euskadi e Galicia tiveron eco nuns estatutos que por mor das circunstancias dramáticas coñecidas, só o de Cataluña tomaría carta de natureza. A II República Española fixo súa desde o principio a necesidade da educación e a cultura. De formar cidadáns e de organizar un ensino laico nun país onde a relixión ten tendencia a invadir o espazo público. Así mesmo a República Española foi quen de abordar o voto da muller, a reforma agraria, a racionalización e modernización do erxercito e da administración e mesmo tratou na suá política exterior fortalecer un achegamento aos pobos americanos de raíz hispana.
A precariedade da II República ten mil argumentos distintos debidamente estudados. Ata nalgúns casos rescritos con liñas tortas sen que Deus áchese ao final. Máis aló deles convén lembrar o marco xeográfico en que nace. A República do Weimar sucumbindo ante o empuxón do nazismo e dun titubeante presidente Hindenburg que non dubida en entregarlle o poder a Adolf Hitler. En Austria cos seus xiareiros socialcristiáns tras un golpe de estado empoleirase no poder Engelbert Dollfuss, no que se coñecería como o austro-fascismo. Italia domeñada polo máis prístino dos modelos fascistas, o de Benito Mussolini…
As democracias clásicas, Francia e Inglaterra ficaban escravas dunha vergoñenta claudicación ante o matonismo hitleriano. Recórdese a frase do laborista Attlee cando tralo Pacto de Munich chega Chamberlain oufano a Londres, “non conxurastes a guerra pero perdestes o honor” No caso británico, desde o rei que deixaría o trono pola Sra.Wallis Simpson para alivio dos seus contemporáneos, ata o Sr. Churchill subxacen non poucas simpatías iniciais a prol do cabo bohemio. E no caso de D. Winston, esta simpatía era aberta respeto do Duce. No medio a República Española. Con inmensos problemas ao lombo, -que si eran herdanza de séculos dunha monarquía en descomposición-, e escasas mans amigas das que asirse. Naceu nun abril florido e morreu nun abril, en que chegou a vitoria dos seus inimigos pero non a paz. Naceu entre cantos e sorrisos e morreu resistindo heroicamente con mais vontade que acerto seguramente, pero facendo seu o grito da Pasionaria, tamén atribuído a Emiliano Zapata, “vale mais morrer de pé que vivir de xeonllos”.
Aos poucos ábrese un aroma de republicanismo na sociedade española segundo vaise derrubando a fachada dunha Transición que nada con acerto, anquilosáse no paso do tempo enrocándose nos vicios da I Restauración. Un proceso que podendo ser modélico e como tal vendeuse, foi naufragando recen de compromisos non aclarados, de intereses partitocraticos e de miopías absurdas.
Sendo pragmáticos, a III República Española, - como diría Salvador Allende, “mais pronto que tarde” - chegará. É posible que a chegada acelérese pola profundidade dunha crise cuxo calado entre outras cousas rematará co compromiso imposto polas circunstancias históricas tralo falecemento do xeneral Franco do que é herdeiro o actual xefe do estado. Unha crise que angustia e socava os máis profundos cimentos dun estado labrado con sufrimento e loitas sociais e que malia a insán cegueira de moitos no seu percorrido aínda azaroso e sen prazo fixo deixará un escenario tan distinto ao que coñecemos, que fara valido o exabrupto de Alfonso Guerra, “non vai coñecelo nin a nai que o pariu”. Onde terminarán por estar en cuestión moitos aspectos do modelo constitucional e onde o capitalismo en tempos edulcorado amoxará desde a súa actual prepotencia a peor faciana, mercantilizando as ilusións e as esperanzas de toda unha sociedade. Un esceario que vai deixar moi pouco espazo para soster anacronismos.
A III República non cabe entendela como capricho de circunstancia. Menos como desquite ou nostalgia. Ten razón de ser, como crisol de virtudes cívicas, laicas, democráticas, igualitarias, de dereitos sociais e liberdade. Onde prive o valor do público e do colectivo. Incorporando a concepción republicana da política, na que a noción “virtude cívica” é esencial. Como a elevación da dignidade do cidadan e do civilismo. Unha catarse para unha sociedade cuxo horizonte non para de esmorecerse.