Xosé A. Gaciño |
Como na loita contra a crise parece que non están a ter o éxito fulminante que eles mesmos prognosticaban, cando dicían que bastaría un cambio de goberno para recuperar a confianza dos míticos mercados, intentan gañar puntos ante o electorado (ou, polo menos, ante os electores que lles votaron) botando man de aspectos con certa repercusión social. Comezou Ruiz-Gallardón coas súas teorías da “violencia estrutural de xénero” contra a maternidade, para xustificar o anuncio de cargarse a lei de prazos na interrupción voluntaria do embarazo e vestir cun falso e hipócrita progresismo o que non é máis que ceder ás presións dos sectores máis reaccionarios dos seus votantes.
Entra agora en acción o ministro do Interior, Jorge Fernández, cos seus propósitos de reformar o Código Penal para endurecer o tratamento das alteracións de orde pública. Neste caso, ademais, establece unha relación coa crise, porque estas novas medidas van encamiñadas a evitar problemas de imaxe que deterioren esa confianza que os mercados aínda se resisten a conceder a España. A foto en The New York Times das fogueiras prendidas polos habituais “guerrilleiros” incontrolados de Barcelona o día da folga xeral ten impresionado de máis a este Goberno, que, sen embargo, aplaude as alusións de Sarkozy á desastrosa situación económica de España, que causa o mesmo deterioro de imaxe por moito que as críticas sexan dirixidas á xestión do anterior goberno socialista.
A cuestión é que, como noutros casos de alarma social (por exemplo, nos crimes nos que hai menores por medio), se reacciona de xeito emocional e populista, con máis intención de impresionar e de dar imaxe de firmeza que de solucionar realmente o problema de que se trate, sobre todo porque despois se segue a facer o mesmo, e ás veces coa mesma ineficacia (canto tempo levan eses incontrolados barceloneses rebentando mobilizacións sen que a policía consiga atallalos?), pero con máis retórica demagóxica. No fondo, máis que combater e anular as accións violentas de grupos minoritarios, parece que pretenden disuadir á maioría pacífica de que non é conveniente mobilizarse, non vaia ser que a forza da represión caia sobre os incautos que cren no Estado de dereito.
No seu discurso de investidura, Mariano Rajoy apuntábase ao criterio de poucas leis pero que se cumpran, en vez de multiplicalas, práctica da que acusaba a Rodríguez Zapatero. Pero, a medida que avanza a súa xestión de goberno, un ten a sensación de que está a facer algo moi semellante ao que el atribuía ao anterior presidente. No mesmo discurso de investidura anunciou un lote de proxectos de lei que contradicían o seu principio de austeridade lexislativa, e agora non pasa día sen que se anuncien novos proxectos e medidas, todo elo adobado con declaracións de ministros non sempre harmonizadas.
Acumúlanse leis e medidas, algunhas con evidentes mostras de improvisación (algo que parecía exclusivo de Rodríguez Zapatero) e outras con desagradábeis consecuencias nos dereitos e no benestar dos cidadáns, pero que, no seu conxunto, seguen sen convencer aos que controlan ese cotarro especulativo dos mercados. A lectura final resulta máis ben inquietante: lexislen o que lexislen, camiñamos sen remedio cara ao abismo, mentres procuran convencernos, pola propaganda ou pola represión, de que é mellor non resistirse.