domingo, 15 de abril de 2012

O problema de Repsol en Arxentina - José Luis Gómez

José Luis Gómez
Por táctica, Arxentina quere modificar o accionariado de Repsol-YPF e reprogramar os seus investimentos no país. Por estratexia, Bos Aires desexa ir máis aló e renacionalizar, algo que acendeu as alarmas non só en España, senón tamén na Unión Europea e, en menor medida, en Estados Unidos, que apoian a posición española, xa que dese modo tamén protexen outros investimentos seus en Arxentina. Non vaia ser que o kirchnerismo pretenda xeneralizar os decretos que planean sobre YPF e se vexan afectadas outras multinacionais, entre elas Telefónica, Endesa, BBVA, Santander, ACS, OHL, a galega SanJose ou mesmo Gas Natural Fenosa.

A saída, sexa cal for, non parece que vaia deixar as cousas como estaban, unha hipótese practicamente descartada. Se hai negociación entre as partes en conflito, que sería o máis prudente, ese proceso pode conducir á recomposición do accionariado, de modo que melloren as posicións arxentinas, tanto dentro da actual Repsol-YPF como de cara a futuros proxectos compartidos con outros operadores. E se hai choque de trens, cara á nacionalización de YPF, Arxentina terminará inmersa nunha arriscada guerra económica con grandes potencias, non só con España. Se a impetuosa presidenta Kichner interpreta a negociación como unha derrota, o peor pode suceder, xa sexa agora ou máis adiante. O que é evidente é que a pantasma dunha nacionalización a baixo custo está aí e que o martes pode haber novidades de alcance, tras o encontro de Kirchner con gobernadores das provincias molestas coa petroleira.

Repsol é importante pola súa dimensión e tamén porque se converteu nun símbolo neste conflito enerxético e diplomático que ameaza con enfrontar a España e Arxentina. E en canto á súa dimensión é importante en dous sentidos: pola súa capacidade de produción de petróleo e de distribución de combustibles e polo seu peso financeiro, xa que detrás de Repsol están La Caixa, accionista de referencia e propietaria dun 12%, e o Santander, que aínda que non é accionista directo de Repsol é o principal acredor de Sacyr, o grupo de construción que controla un 10% do capital da petroleira.