lunes, 16 de abril de 2012

Sobran concellos en Galicia? - Emilio Argiz Vázquez

Con pequenas variacións, mantemos a 2012 en Galicia a estrutura de organización territorial e administrativa nada co decreto de constitución dos concellos de 1835. Tiña o país 326 Concellos a mediados do século XIX, e 315 ten hoxe.

Ata a consolidación dos concellos, contaba Galicia con 7 cidades, 101 vilas, 665 xurisdicións, 496 señoríos, e 3652 parroquias. As cidades da Coruña, Betanzos, e Ourense, así como as vilas do Ferrol, Viveiro, e Baiona, gobernábanse por rexedores nomeados polo Rei. Santiago, Lugo, Mondoñedo e Tui tiñan alcaldes elixidos polos seus respectivos Bispos. E o resto das xurisdicións tiñan á fronte autoridades nomeadas polos Bispos, ou por Señores ou Grandes Títulos. Era aquela unha situación que correspondía  co modelo organizativo do Antigo Réxime: proliferación confusa de autoridades, e divisións territoriais imprecisas, con territorios de realengo e de señorío sobrepostos, sen unha auténtica división administrativa.


Será primeiro o Rei Bonaparte, e logo as Cortes Constitucionais de hai 200 anos (que consagran o principio de elección das autoridades locais), as que virán impulsar un proceso modernizador que acabará dando lugar á organización territorial e administrativa de concellos e provincias que se mantén aínda hoxe sen apenas variacións, agás a superposición das autonomías. O proceso será longo e dificultoso; En toda España, polas involucións, e a resistencia á perda de poder das autoridades do Antigo Réxime. E en Galicia en particular, polo engadido da singularidade poboacional, a dispersión, e a preeminencia da parroquia. Máis a partires de mediados do XIX, os concellos consolídanse como o elemento base da ordenación do territorio, e as capitais municipais veñen ser o nodo mínimo do asento da burocracia e o poder do estado moderno.


Pero a estrutura socioeconómica e poboacional do país é hoxe totalmente distinta á de hai século e medio. En torno ó 1850 a poboación galega andaba polo 12% da española, e o peso demográfico do interior e a costa era equiparable, con un 45% da poboación en Lugo e Ourense, e un 55% na Coruña e Pontevedra. A urbanización era moi escasa, e aínda no 1900 a poboación das sete grandes cidades apenas supuña o 9% do total, nun país eminentemente rural, e cunha estrutura social e poboacional baseada nas rendas da terra. Hoxe, a poboación galega é menos do 6% da total española, concentrándose máis do 75% dela na metade atlántica, e un 60% en torno ás grandes áreas urbanas. No entanto, acentúase o devalo imparable do despoboamento do rural.


Con esta realidade, e ó pairo da crise que nos devora, andamos a voltas coa cuestión de se sobran concellos ou non. Pero na máis fonda tradición hispana, nono facemos con un proceso medido de análise e planificación, á busca da mellor eficiencia na ordenación territorial. Pola contra, parece que tiramos pola vía das arroutadas improvisadas, ou utilizamos fusións incertas ou insignificantes, como ases na manga de debates parlamentarios.


Certamente, despois dun bo estudo, poderiamos concluír que hoxe en Galicia sobran concellos. A mellora das comunicacións fai que moitas das capitais municipais estean unhas de outras a non máis de dez minutos por estrada; E o despoboamento vai deixando sen masa crítica a moitos territorios do interior. Neste sentido, dificilmente se pode manter a entelequia de entidades como Cesuras, o Páramo, Piñor ou Crecente. Asemade, a concentración da poboación nas grandes áreas urbanas tamén deixou sen xeito fronteiras municipais. Nomeadamente, a cidade da Coruña hai tempo que desbordou o seu termo, e o municipio tería que abranguer cando menos Arteixo e Culleredo (facilitando de paso a planificación urbanística da cidade real).


En calquera caso, un ten para si que o proceso de reordenación territorial ten que facerse con moito tino, despois das análises precisas, e a través dos instrumentos de ordenación axeitados. Non pode ser un proceso que parta da iniciativa dos propios concellos, como se atreveron a suxerir dende a Xunta, amosando unha vez máis deixación das súas atribucións urbanísticas e territoriais. Pero tampouco pode ser un asunto que se liquide por decreto, poñendo sen máis unha cota mínima de, digamos, 20.000 habitantes por concello. Porque o certo é que Galicia ten un rico tecido de pequenas e medianas vilas, nodos de balanzo territorial, que esmorecerían aínda máis axiña se son baleiradas do seu papel como asento da burocracia estatal.


Fagamos pois da crise tamén unha oportunidade no eido da ordenación do territorio, e optemos por unha reordenación seria, planificando o futuro con tino. Incluamos na ordenación concellos, comarcas, e partidos xudiciais, de xeito que as capitais municipais se consoliden como nodos urbanos intermedios equilibradores, con concellos que poderían vir coincidir en boa medida coas actuais comarcas da comarcalización non resolta. E de paso, non deixemos escapar a oportunidade de reorganizar para ben as áreas metropolitanas, facendo coincidir as cidades reais coas cidades administrativas a planear.