Antonio Campos Romay |
O 29 M foi un fito singular no marco dunha crise singular. Medio millón de galegas e galegos saíron ás rúas do mesmo xeito que de forma masiva fíxoo a cidadanía no resto do Estado mostrando o seu malestar, a súa indignación e cabreo. Xentes que seria moi arriscado capitalizar frivolamente por interesados niso. Moitos eran severos críticos co comportamento dos sindicatos baixo cuxas siglas marchaban. Mesmo coa falla de unidade sindical nun momento tan crítico. Outros, de seguro varios miles, apenas fai cen días deran o seu voto á maioría gobernamental. Non poucos era a primeira vez que se manifestaban. Saíron de forma cívica. Cunha mesura da que carecen aqueles que contra eles verqueron toda sorte de insultos...matóns, delincuentes, vagos, camorristas...etc., etc. etc. En Barcelona, a manifestación contaminouse de xeito espurio con infiltrados agochando a súa miseria baixo unha mascara, inhabilitados de calquera contido social. Os mesmos que rebentan os triunfos do Barça ou a celebración dunha festividade... Enlodan o que tocan facéndolle o xogo á reacción.
A lectura destas expresións cidadás terían que tornarse nunha folla de ruta para dar cabida ás inquietudes dos manifestantes e nun proxecto que fomente a suma de ideais que beneficien o acougo cidadán e da sociedade que nos rodea. Respostas que non teñen que ser unicamente olladas coma un macroproxecto internacional, senón que deben atinxir á íntima inquietude de mellora da nosa contorna máis próxima e humana. Quizais sexa raiar na utopía pero é conveniente non esquecer as palabras de Eduardo Galeano: a utopía, serve para camiñar.
Onte desfilaron mostrando a súa indignación, estando xa ao bordo da súa capacidade de tolerancia, pero facendo un exercicio cívico. Alguén sensato pensa que será así indefinidamente si continúan as agresións a uns dereitos que non foron regalados senón patrimonio conquistado en séculos de loita social?
A caverna mediática, cada vez a referencia parece mais xusta, fala e non para de piquetes violentos, dunha folga que si por unha banda dan como fracaso por outro cualifican pouco menos que de revolucionaria repetindo ata o fastío o incendio de neumáticos e contedores en lugares moi concretos cal si España estivese en chamas. Nin sequera a patronal nin o Ministerio do Interior teñen tal percepción. Falan e non paran das perdas. Do deterioro da imaxe de España… Non entenderon nada. Quizais tampouco na súa soberbia a maioría gobernamental. Os piquetes informativos máis violentos estiveron en determinados micrófonos e xornais. Ou nalgunha presidenta autonómica. As verdadeiras perdas tiveronas os petos humildes aos que asistir á folga e á manifestación custoulle non menos de 50 ou cen euros dos seus escasos peculios. Esta non era como as que lembran con morriña algúns, concentracións da Praza de Oriente, sen descontos e co autobús e o bocadillo pago.
A mala imaxe de España dana os ladróns que saquen as entidades de aforro coas súas artimañas financeiras e contratos inicuos. Coa súa impunidade. O diñeiro que dilapidase en proxectos faraónicos e inservibles máis aló da especulación e as comisións embolsadas. Un Banco de España, permanente D. Tancredo e cómplice por inacción. A Gurtell. Os Eres falsos. A corrupción rampante. É seica unha boa imaxe de España un orzamento que recorta principios substanciais de solidariedade e consagra a impunidade dos delincuentes que evadiron as súas obrigacións co fisco? Unha actuación que é unha “ocorrencia impresentable”. A ocorrencia, “Rajoy dixit e impresentable, Cospedal dixit. Ambos dicían isto…pero antes das eleccións…Porque eles, non menten… Quizás sexa unha boa imaxe para España que Bankia, a entidade liderada por Rodrigo Rato retribúa aos seus conselleiros e membros da alta dirección con 6,44 millóns de euros polos seus labores á fronte da entidade durante 2011, segundo comunicou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). E que os membros do consello de administración de Bankia recibiran cretos da entidade por valor de 211.000 euros e achegas aos plans de pensións por un total de 1,9 millóns.
Seria interesante unha análise sociolóxica das razóns últimas dos millóns de persoas que en todo o Estado saíron á rúa. Que saíron pacíficos e en orde. Moi encabuxados pero con boa vontade. E buscar respostas antes de que a calma e a infinita paciencia dos agredidos, sempre os mesmos, remate.