Xosé A. Gaciño |
Certo que tanto nas eleccións andaluzas como nas asturianas se freou o que parecía unha onda implacábel da dereita, que aproveitaba os estragos causados pola crise na credibilidade dos políticos, sobre todo, claro, dos que gobernan. Agora é a dereita a que goberna e xa empeza a sentir os efectos da impopularidade, de momento con carácter leve (unha vitoria pírrica en Andalucía e un retroceso en Asturias, onde xa estaba dividida), pero xa suficientemente significativo, nas vésperas de cumprirse os cen días de goberno.
Pero estes resultados parecen ter precisamente a mesma significación que os que levaron á dereita ao seu triunfalismo. E polas mesmas razóns: a inxustiza de que a maior parte dos custos da crise os están a pagar os que non a provocaron, os que foron as súas vítimas desde o primeiro momento, mentres os responsábeis reciben axudas e remuneracións extraordinarias. Non esquezamos que as medidas do goberno actual da dereita seguen a mesma liña que levaban as medidas do goberno socialdemócrata anterior. A folga xeral e os castigos electorais de agora (de momento leves) son continuidade da folga xeral e dos rotundos castigos electorais de antes (en municipais, xerais e mesmo nas andaluzas), cos protagonistas cambiados.
As críticas que fan agora os socialistas contra as subidas de impostos, as conxelacións salariais, mesmo a amnistía fiscal, son case as mesmas críticas que fixeran no seu día os populares contra medidas semellantes tomadas polo goberno anterior, instalados ambos na tendencia marcada no ámbito europeo para debilitar a intervención do Estado e fortalecer as posicións dos poderes financeiros, aproveitando o pretexto da crise, ata o punto de que podemos empezar a pensar que quizais a crise non é o pretexto, senón precisamente o instrumento utilizado para desmontar todo iso que definimos como as conquistas logradas polas loitas das clases traballadoras desde o comezo da revolución industrial.
Convén, por tanto, que a esquerda fracasada o 20-N e momentaneamente resucitada, máis por erros do adversario que por méritos propios, aclare se esa leve recuperación pode abrir novas alternativas fronte á crise ou se hai que situala na habitual rolda de demagoxia electoralista (da dereita e da esquerda), que saca a relucir o radicalismo reivindicativo cando ocupa a oposición e que defende a ortodoxia fundamentalista dos “mercados” cando ten que gobernar.
Convén aclaralo para saber se estamos ante a euforia de políticos profesionais que ven posibilidades de recuperar parte da clientela perdida (á que poderían convencer de que volvesen a mercar o produto de sempre) ou se estamos ante un proceso de crítica e reflexión para definir qué clase de alternativas reais pode ofrecer a esquerda con vistas a superar o evidente esgotamento das súas propostas tradicionais. Un proceso que debería analizar todos os factores que compoñen a verdadeira e profunda crise do sistema (capitalista, por certo), desde a redefinición das clases sociais ata os modelos de crecemento (ou de decrecemento, habida conta da limitación de recursos), pasando polo necesario activismo internacionalista fronte á simplista globalización financeira.
Quizais se necesiten menos euforias de recuperacións electorais conxunturais e máis xeración de ideas que compaxinen de xeito realista a loita concreta por obxectivos parciais coas referencias ás vellas utopías da solidariedade en liberdade.