José Luís Gómez |
Cando volverá crecer España, que adoita necesitar polo menos un aumento do 2,5% do PIB para crear emprego neto? Guindos sitúa a volta ao crecemento do PIB a medio prazo, sen dar datas, e reitera que 2012 pecharase con máis paro, aínda que segundo el sentarán as bases para un mellor ano 2013. De momento, ao que haberá que estar atentos é ao que pase en sanidade e educación, onde é probable que suceda algo importante, logo de numerosos globos sonda sobre o copago, en sanidade, e a reforma da formación profesional, en educación. A Merkel gustaríalle implantar en España un ensino profesional teórica nun 30% e práctica nun 70%, como en Alemaña, cuxos porcentaxes neste terreo son inversamente proporcionais aos españois. E se por ela fose tamén habería copago en España ou algo similar, como xa sucede en Alemaña desde os tempos do socialdemócrata Gerhard Schröder.
Sobre o recorte no fútbol por agora ninguén di nada, pero todo chegará. Un comentarista de El Periódico de Catalunya, Albert Sáez, xa anda facendo contas ao fío da semifinal Bayern-Madrid. As entradas serán un 40% máis caras de media en Madrid. O orzamento do Madrid é catro veces superior ao do Bayern e a renda per cápita é de 30.000 euros anuais na capital de España e de 53.000 euros na capital de Baviera. Con todo, un madrileño está disposto a pagar un 1% da súa renda para ir á semifinal mentres que un bávaro non gastará máis do 0,2% do que ingresa cada ano.