sábado, 17 de marzo de 2012

Recordos dunha dura loita constitucional - Xosé A. Gaciño

Segundo Tierno Galván, as Cortes de Cádiz deixaran un programa que se realizou durante un século. Pode que fora así na súa literalidade, a dunha Constitución da que agora se cumpren douscentos anos e que aceptaba, por exemplo, a relixión católica como relixión oficial do Estado ou que non contemplaba o sufraxio universal e directo (naqueles tempos non se podía nin imaxinar o voto feminino e o voto indirecto aínda subsiste nada menos que na elección do presidente de Estados Unidos). Pero no que se refire ao seu espírito, o de abrir o camiño a un sistema democrático, é un proceso que hai que manter aberto, por moi sólida que nos pareza a nosa democracia actual.

Tal como suxire a reflexión do vello profesor, a Constitución hoxe bicentenaria foi máis unha declaración de principios que unha Constitución en vigor. Cando podía ter entrado realmente en vigor, unha vez retirados de España os exércitos napoleónicos, o “desexado” e logo aborrecido Fernando VII deixouna sen efecto no 1814.

Volveu renacer de xeito efémero no 1820, tras o pronunciamento de Riego (último dunha serie de intentos de proclamar a Constitución de Cádiz, entre eles o do xeneral Díaz Porlier en A Coruña no 1815), só ata a nova invasión francesa, a dos absolutistas “cen mil fillos de San Luis” no 1823. Máis efémera foi a súa vixencia no 1836, tras a sublevación de sarxentos de La Granja, só para convocar unhas novas Cortes constituíntes, que elaboraron a Constitución do 1837, que mantivo o espírito do 12 ata a do 1845, que inicia un retroceso a posicións absolutistas, con lixeiras concesións.

Dentro da hexemonía  conservadora (superada, non obstante, polo ultramontano carlismo, que gozaba de apoios populares en certas zonas como para manter unha auténtica guerra civil), só as Constitucións do 1869, tras a “revolución gloriosa” do ano anterior, e do 1873 (republicana e federal) abren brevísimas parénteses de liberdades sen condicións no tenso panorama do XIX. No século seguinte, e tras outra paréntese de esperanza frustrada (a da Segunda República), hai que esperar á morte do ditador Franco para abrir o que, de momento, é o período máis prolongado de democracia en España.

A Constitución de Cádiz non só foi unha referencia constante na loita por establecer un verdadeiro sistema constitucional en España. Foi tamén unha referencia en Europa e en América, sobre todo nas entón colonias españolas, que inspiraron nese impulso as súas propias loitas pola independencia. Non en vano o texto gaditano foi o terceiro documento constitucional, despois dos elaborados nos Estados Unidos e en Francia a finais do século XVIII.


Naquel momento, foi un golpe de audacia da burguesía liberal española, que contaba cunha base social moi limitada, pero á que favoreceu, na formación das Cortes constituíntes, as dificultades de desprazamento pola ocupación napoleónica. A proba é que o desenvolvemento posterior daquel xerme de liberdade resultou unha misión case imposíbel, fronte ao enraizado poder do antigo réxime, un poder que aínda daba rabexadas na recta final do século XX, condicionando algúns aspectos da Constitución do 1978. E que aínda fai sentir o seu malestar de nostálxico de absolutismos e ditaduras desde as súas cavernas políticas e mediáticas.