(Leer en castellano)
Se concluímos que Europa é máis historia que xeografía, esa definición deixa fora ós turcos, que foron, dende a caída de Constantinopla, un dos factores externos contra os que se construíu a Civilización Occidental. Pero Turquía non é europea nin asiática, e se un lle pregunta a un turco, case sempre a resposta que obtén é que Turquía é… turca. Resposta que non é unha obviedade, se non a encarnación do efectiva que foi a formación do espírito nacional, nos 90 anos de república laica, “kemalista”, e nacionalista, fundada por Atatürk.
Hoxe Turquía está nunha encrucillada entre ese “kemalismo” laicista, e un neo – otomanismo que abraza o legado imperial e islámico, recollendo o cosmopolitismo do imperio multi – étnico que foi gobernado dende Istambul. Encrucillada que ten que ver co fin da guerra fría, e os novos horizontes xeoestratéxicos, ameazas, e oportunidades xeradas. E encrucillada asemade, que ten un reflexo directo nas rúas turcas, nas mesquitas ou nas universidades. Porque fronte á república laica orientada cara Europa, e vixiada por un exército “de esquerdas”, o contestatario e progresista pode ser a 2012 en Turquía que os mozos vaian rezar ás mesquitas, e que as mozas leven hiyab.
O certo é que Turquía ten hoxe un goberno islamita moderado, parece que razoablemente eficiente, e que non nos debería asustar nunha Europa afeita ós demócrata – cristiáns. Goberno que non busca tanto unha islamización radical, canto unha perspectiva menos militante do laicismo, tratando de cadrar o desenrolo económico, con facer ao tempo as paces coa súa historia e xeografía. Por todo elo, se cadra cando Europa chegase a decidir que os turcos poden formar parte do club, son eles os que xa decidiron que non lles interesa.
Porque o neo - otomanismo tamén significa un novo sentido de grandeza e auto – confianza en política exterior, segundo o cal, os turcos considéranse a si mesmos coma unha potencia rexional, con alcance xeográfico ata onde chegaban os imperios con capital en Istambul, e incluíndo tamén os novos estados de raíz turkmena da antiga URSS. Potencia que viría a xogar o papel de core state da Civilización Islámica, en terminoloxía de Huntington. Isto é, igual que Rusia é o core state da Civilización Ortodoxa, ou Alemaña – Francia sono da Civilización europea occidental ( e xunto cos USA, os core state de Occidente), ese sería o novo posible papel de Turquía no mundo islámico, única das grandes civilizacións que ata o de agora non conta, de novo segundo Huntington, cunha potencia global.
Pero Turquía non é aspirante único a ese rol de core state islámico, se non que hai unha partida do “grande xogo” en curso, que leva anos dirimíndose entre Turquía, Irán, e Arabia Saudita, os tres posibles candidatos por historia, e por potencial económico ou demográfico. Á luz dise “grande xogo”, é máis doado entender que se cadra a Turquía xa non lle interese tanto entrar nunha Unión Europea cristiá. Igualmente, un mapa pon de manifesto inmediatamente que Siria está (na compañía de Irak) no centro entre Turquía, Irán, e Arabia, e tense convertido (para desgraza dos sirios), nunha ficha no taboleiro do xogo, no que se dirimen intereses moito máis aló dos sirios.
Só así se entende que Arabia estea a apoiar ós rebeldes sirios; non porque á autocracia saudita lle dese unha arroutada de amor á liberdade, se non para golpear ó Irán chiíta no corpo do seu aliado sirio. Ou que as monarquías do golfo aplaudan, case sen disimulo, un posible ataque israelí a Irán, antes de que os persas teñan a bomba coa que xa contan os xudeus. E tampouco son alleos ó xogo Rusia e os USA, con reflexos de guerra fría, e intereses encontrados coas posibles potencias rexionais. Rusia e China detrás de Irán e Siria (con base naval rusa en Tartús, Siria), e os USA detrás de Arabia (a Arabia de Bin Laden, si). Só Turquía parece estar xogando unha carta máis independente, pero nese xogo de poder tampouco quere deixar caer ó Al-Assad, e que a balanza entre Irán e Arabia se incline do lado Saudita.
Dende logo, parece que sería convinte non comprar, sen meditación previa, a falacia de que os rebeldes sirios son todos uns loitadores a prol da democracia; Como tampouco o eran todos os libios. E sería tamén axeitada unha certa prudencia, porque un estado falido en Siria, sumado a Irak, pode ser bastante máis perigoso que a desfeita provocada en Libia. Esa mesma prudencia, é a que pode facer de Turquía a mellor potencia rexional equilibradora, xa non como a parte de Occidente que nunca foi, se non como o core state nunha categoría de seu.