Pilar Valiente Calvo |
Algo máis de dous milenios antes que o “per vitam” da Zarzuela o subliñara, Aristóteles ensinaba que “O único estado estable é aquel en que todos os cidadáns son iguais ante a lei”. Lincoln, idealizado como pai dunha cruzada para igualar en dereitos a brancos e negros e emancipar a estes da súa escravitude, (aínda que non falten quen conte que o que entraba en crise eran as diferenzas entre un norte industrializado e un sur esclavista cunha economía subordinada a tal man de obra), mostraba un saudable escepticismo afirmando que “todos os homes nacen iguais...pero é a derradeira vez que o son”.
Os antecedentes da igualdade ante a lei figuran na Declaración de Independencia de EEUU. Posteriormente faraos seus a Revolución Francesa de 1789. Hoxe é un clásico no constitucionalismo contemporáneo. Igual natureza e atributos esenciais a todos os seres humanos. Sen negar os innegables avances en tal senso, a afirmación da existencia dunha equidad xudicial é tan perversa como utópica. Condicionantes ata alleos aos aparellos de xustiza, teñen un peso específico en invertir de xeito máis ou menos sutil un procedemento acorde aos intereses dos máis poderosos.
Hai un caso que afecta á familia que por “dereito de herdanza” ostenta a Xefatura do Estado pese aos severos vicios de orixe apenas paliados por un guiso cociñado nuns fogones en demasiada ebullición. Uno membro destacado da mesma esta imputado por unha presunta serie de actuacións ilícitas. A súa conxuxe, filla do cabeza de familia, tras denodados esforzos esta sendo exonerada de comparecer, nin sequera como testemuña útil no caso seguido, pese á constancia da súa implicación como secretaria dalgunha entidade investigada, societaria ao 50% noutra e o uso e goce dos fondos procedentes dos presuntos ilícitos que pretenden achacarse en exclusiva ao seu esposo. As atencións en beneficio do suxeito imputado comparécense moi pouco coas despregadas en casos similares Tampouco ante a chamada e certamente inxusta pena de telexornal ou na lexítima presunción de inocencia, levantáronse tantas voces de corifeos comprensivos e prañideiras como neste caso.
Non é só un tema das conviccións persoais ou colectivas de como debe ser a forma de estado. De analizar o anacronismo actual, ou a súa ilexitimidad en orixe á luz da propia coherencia dinástica. Un trono derivido da man e ao servizo dun xeneral -dictador en contra dos “dereitos” dinásticos dun pai nunha opera bufa que tiña mais en común cos golpes palacegos dos reinos de taifas que cos que inspiran os criterios de “lexitimidad sucesoria” á luz da doutrina que abrazan os que admíran a institución monárquica. Un comportamento da lei do funil, tanto como a que orixinaria no século XIX as sanguentas guerras carlistas coa Lei Salica chegada da man do primeiro Borbón, traída e levada segundo daban de si os espermatozoides do sátrapa de quenda. E logo veña verter sangue para ver quen se quedaba coa leira… Pero non. Xa non se trata diso.
Trátase dun mínimo de decencia por parte de quen protexido contra vento e marea na súa inmunidad dános consellos campanudos en hora de máxima audiencia en datas de natal. Como funcionario público que é, si coñece unha actuación irregular dun suxeito, independientemente da súa proximidade familiar, ten a obriga de denuncialo nas canles que correspondan. E salvo contraer unha clara complicidade cos actos presuntamente cometidos, non pode participar en arbitrar unha pseudo fuga e un exilio dourado para fuxir das presuntas responsabilidades ao autor das mesmas. Ou habilitar un tempo precioso para que os seus presuntos delitos prescriban.
Decencia no núcleo familiar xa económicamente saneado por uns suculentos ingresos devidos a uns postos de traballo que caso de non ser “vos quen sodes” difícilmente accedesen a eles. A Caxa, Telefónica e o redondeo non menor dunha asignación da chamada Casa Real, con cargo aos impostos dunha cidadanía que apenas chega a fin de mes.
Decencia exixible a un goberno que tralo éxito dos seus afins mediáticos en crucificar legalmente ao xuiz da Gurtell non perde un minuto en desmantelar o aparello da inspección de Facenda que destapou as irregularidades do Duque e da Gurtell poñendo no seu sitio persoas dun currículo como Dona Pilar Valente. Alguén recorda a teima do chivatazo do Faisán? Intento zafio dun partido que hoxe é goberno cuxo “sentido de estado” a cambio dun puñado de votos non dubidou en lixar e poñer en risco a exemplar eficacia das forzas de seguridade. Para chivatazo comprobado, o protagonizado por Doña Pilar. Segundo as anotacións da Sra. Gimenez Reyna foi cualificada entón como “avisadora oficial dos estafadores de Gescartera”.
O paradigma do partido do goberno que non para de autocitarse como serio e decente, é cesar aos investigadores da trama Gurtel e do caso Palma Arena. Funcionarios carentes de connotación política, nin sequera o xefe. Si non o é, parece unha purga política. Un castigo ao traballo destes técnicos hoxe sen destino e postergados, co especial entusiasmo niso, da Sra. Valente. A mesma que da man do Sr. Montoro pasa de dimitir pola súa escandalosa actuación no caso Gescartera, a numero dous da Oficina de Investigación da Fraude da Axencia Tributaria. Gescartera foi unha monumental estafa que supuxo graves perdas para todos os que investiron nela. Esta señora, como presidenta da CNMV, viuse obrigada a dimitir ao sinalarse desde a prensa que lonxe de controlar Gescartera, axudaba ao seu dono, Antonio Camacho, (11 anos de cárcere), a evadir eses controis. Pilar Giménez Reyna, presidenta de Gescartera, cando trataron de intervir a sociedade anotaba no seu dietario: “Só está Pilar Valente, que avisa rápidamente”. Un pareado que sumabase as moitas indicacións que apuntaban ao suposto trato de favor de Valente a Gescartera.
Non é xa sequera problema de forma de estado, que tamén. É simplemente, decencia.