José Luis Gómez |
De momento, o axuste está recaendo nos máis débiles, que están no paro e non sempre con cobertura, e na clase media, asomada a unha caída xeneralizada de ingresos, tanto pola subida do imposto da renda como polas rebaixas salariais que van chegando coa reforma laboral. As rendas de capital xa teñen menos motivo de queixa.
Custa dar unha soa noticia positiva ou cando menos alentadora porque España segue sen modelo económico alternativo á construción e o discurso político dominante redúcese á austeridade orzamentaria, sen medidas de acompañamento, o cal non ten precedentes na historia da economía moderna. Por non haber, nin sequera hai un horizonte claro en Europa, onde ata que pasen as eleccións francesas e alemás parece improbable intuír cambios de fondo. Entre unhas cousas e outras, con tixeretazos e eleccións, situarémonos en 2013, o ano comprometido no chamado Pacto de Estabilidade para cumprir co 3% de déficit. Ata entón, millóns de persoas vano a pasar mal. E despois, calquera sabe...
Coas mans atadas polo seu endebedamento público e privado, España segue en mans de Alemaña e dos mercados, cuxa reacción será decisiva para que Rajoy poida manter os seus novos plans de déficit.