Os coros mediáticos da dereita en todas as súas versións, especialmente as máis duras empréganse en tromba contra a convocatoria da folga xeral do 29 M, poñendo o aceno da súa máxima inquiña nas organizacións sindicais. Fano con similar belixerancia coa que aplaudian a feita contra o Sr. Rodríguez Zapatero. Os máis sutís, con face amable recoñecen o dereito á folga (polo menos de momento) pero fan fincapé que ante o rolo parlamentario reforzado pola dereita catalá, ao día seguinte seguirá todo igual. Un xeito trampulleiro de verdade encamiñado a estender o ánimo de que a folga non vale a pena seguila porque non vai servir para nada.
Como diría a Santa Nai Igrexa, é xusto e necesario, que ante medidas abertamente antisociais que o Sr. Rajoy implementa tras cada Consello de Ministros, a sociedade de resposta contundente ao Goberno. A folga xeral é un mecanismo severo ante circunstancias severas. Cando o dereito ao traballo que consagra a Constitución, invocada a decote polos que creen mais ben pouco nos seus valores, é unha pura entelequia, e as medidas impostas polo Sr. Rajoy lonxe de estar encamiñadas á creación de emprego só auspician un deterioro dramático das condicións laborais, parece xusta unha resposta do mesmo tenor que a agresión.
Escóitanse permanentemente lateguiños demonizando a función publica, que por certo o número de empregados está por baixo da media europea e moi lonxe de casos coma o sueco. Do mesmo xeito descualificase a xestión autonómica, difamase aos sindicatos e a os seus lideres ou ponse baixo sospeita a productividade dos traballadores. O que si hai no ambiente é unha percepción que tras esta campaña, hai unha estratexia máis ampla onde o capital local e foráneo, sectores importantes da patronal, poderes financeiros e outros cómplices necesarios, andan na tarefa de desmantelar os restos dun estado do benestar que tanto irrita en certos sectores coa coartada dunha crise que eles mesmos xeraron coas súas políticas especuladoras e de rapiña.
Un goberno que convoca á cidadanía a superar unha situación como a que vivimos cunha reforma laboral coma a posta sobre a mesa polo PP e os seus apoios do grupo catalán é, cando menos, un goberno ousado e descarado. Máis, cando campan as sua anchas os que saquearon caixas e bancos que hoxe lamen as súas pústulas con diñeiro publico. Recabar o sacrificio da cidadanía cando esta asiste atónita ao maior ataque ao marco legal do mundo do traballo cunha reforma que practicamente varre os dereitos laborais, non creaa emprego e pon todo o poder nas mans dos empresarios parece polo menos unha desvergoña. Deitar brutalmente sobre os ombreiros da clase media e traballadora o peso da crise, mentres aos sectores especulativos e que acumulan o diñeiro do país, non se lles esixe un sacrificio acorde á súa situación, e non se actúa sobre a bolsa de grandes defraudadores que séntense intocables, como mínimo é procacidade épica.
Este país non pode seguir tragando a súa indignación en silencio. Unha sociedade democrática nin pode nin deben abonar impertérrita o prezo que fixado unilateralmente para saír da crise por unha dereita insolidaria, española ou europea. A crise ten unha saída social. Onde o recorte do déficit non se traduza en recortes dos dereitos laborais e sociais conculcando a Constitución. É hora de poñer coto á permanente precarización dos asalariados e autónomos, dos pequenos e medianos empresarios, empeorando as consecuencias sociais e económicas e crebando a paz social.
En menos de dous meses, o inxenuo optimismo pola chegada do Sr. Rajoy deu paso a un estado de aprensión. A submisión do goberno plenamente escenificada por un Sr. Guindos afogado por un dirixente alemán, mostrase descarnadamente cando prioriza a contención do déficit público en detrimento da loita contra o desemprego, con tal de cumprir cunha inusitada présa as esixencias da UE. Prometeron rigor e seriedade. ¡Confianza¡ Un país con peso en Europa... Pero cada palmadiña da Sra. Merkel nos lombos do Sr, Rajoy ou o Sr. Gunidos reflitese no sufrimento de centos de miles de familias españolas. Cada dia que pasa é maior o temor da sociedade fronte á situación do emprego. A actividade económica languidece mentres o creto necesario para impulsala segue lonxe entanto unha chuva de milleiros de millóns de euros remata no papo insaaciable dos banqueiros.
A folga xeral e parte dunha resposta que debe visualizar con firmeza que a cidadanía non atura indefinidamente. Os que cada día ven minguados os seus ingresos. Os que ven pasar os días en negro ante un traballo que non chega. Os que a cotío asisten ao deterioro das prestacións esenciais como sanidade, educación, políticas sociais. Os que día tras dia ven a súa dignidade humillada. Os seus horizontes frustrados. As súas ilusións murchas. Os que asisten ao bochorno de ollar impotentes como ladróns de colo branco lévano cru, especulando, roubando, saqueando institucións de creto, montando corraliños atropelando aos mais indefensos… Todos eles están totalmente lexitimados para darlle un puñazo a mesa e plantarse ante os que cada día apértanlles as porcas levando o país á miseria sen o menor pudor e no seu beneficio.
O día 29, pode ser un día bo para dicir como na canción de Vantroy…“Ya son demasiados que la pasan mal. Dijimos basta y echado a andar”.