(Leer en castellano)
Teñen xeito dous aeroportos en 45 km, ou tres aeroportos en 120, nun país con menos de tres millóns de habitantes?; Ten xeito investir moreas de cartos en tres terminais con tráficos minguantes, cando ademais o AVE será competencia directa para os voos a Madrid, ampla maioría hoxe?; Ten xeito que a ningún dos tres chegue un tren metropolitano, ou aínda case o transporte público?
As respostas parecen evidentes para calquera non cegado por localismos miopes, como parece evidente que un dos pecados nesta Galicia das nosas dores é a nosa incapacidade para planificar o futuro, e ordenar o noso territorio con sentidiño.
Porque se hai algo que define ben a Galicia (e faina, niso, esencialmente española), é a case nula capacidade de planificación, un espírito cívico pouco cultivado, e unha conciencia do ben común máis ben escasa. Individualismo e localismo que teñen unha tradución inmediata no noso desordenado e malferido territorio, nas nosas vilas desastre, e nas nosas cidades, que non son máis ca oportunidades perdidas.
Ordenar o futuro con sentidiño e con economía de medios. Iso é ó que terían que estar os nosos alcaldes e gobernantes. Algo que pasa, en primeiro lugar, por dotarnos dun marco legal e administrativo estable e axeitado (cantas leis do solo levamos?; cantos concellos sobran?; ata cando unhas deputacións redundantes?). E en segundo lugar, por definir un modelo de futuro, saber a onde queremos chegar, e ir investindo segundo unha planificación axeitada, e con obxectivos a longo prazo. Planificación que sexa unha folla de ruta válida para gobernos de distinta cor, nunha lóxica que vale tanto para o territorio, o urbanismo, e a nosa paisaxe física, como para a educación, e a nosa paisaxe social.
Se falamos polo tanto de territorio e comunicacións, un investimento tan forte en infraestruturas coma o dos últimos 25 anos tería que ter sido feito con unha planificación previa axeitada; E dela deduciríamos, a bo seguro, que Galicia precisa un ou dous aeroportos, pero non tres. Na opción de dous, terían que estar no entorno das áreas metropolitanas da Coruña e Vigo. Na opción de un, teriamos que apostar por un aeroporto central galego, equidistante entres as dúas, e servindo a todo o país. Opción esta que parece a mellor hoxe, por canto un aeroporto con todo o tráfico galego daría un nodo europeo intermedio, tan atractivo coma o do Porto, e capaz de xerar rutas directas con toda Europa (e aínda transatlánticas), sen ter que pasar por Madrid.
Naturalmente, un nodo de transporte aeroportuario non ten xeito se non se conecta coas redes de transporte terrestre. Aí entraría a planificación a longo prazo, a intermodalidade, e a economía de medios, á busca da máxima eficiencia; E o resultado debería ser unha rede de autoestradas e trens ben artellada, que puxese calquera cidade a non maís de 30-40 minutos, e calquera vila do país a non máis de 60-75 minutos, fose Ribadeo, Verín, ou a Guarda.
As propostas que veñen de Santiago, de levar a estación do AVE a Lavacolla, poden requirir moitos matices, pero apuntan na boa dirección. Conde Roa teno sinxelo, porque estar entre a Coruña e Vigo, i equidistante de Lugo ou Ourense, fai que o seu localismo sexa neste caso coincidente co interese común. Pero certamente, nalgún momento deberiamos abandonar a contumacia dos investimentos sen xeito nin idea de país, e apostar pola economía de medios. Aposta obrigada hoxe, e que pode ser unha das cousas boas que nos deixe esta crise.
Se cadra na Coruña e Vigo, nalgún intre, tamén acaban decatándose de que lles interesa máis un grande aeroporto central con moitas conexións directas, a 20-30 minutos en transporte público, que non aturar as molestias dun “aero-portiño” ineficaz dentro das súas áreas metropolitanas. Porque non levaría máis chegar ó Aeroporto Central Galego dende A Coruña ou Vigo do que leva chegar de Fiumichino, Charles de Gaulle, ou Gatwick a Londres, París ou Roma; Ou ainda do que leva chegar de Barajas ó centro de Madrid en Metro. E porque as sinerxias xeradas pola accesibilidade dende toda Europa, serían incontables; Para A Coruña e Vigo, e para toda Galicia.