Se un partido político non gaña o apoio dos electores, ou perde de maneira máis ou menos contundente os apoios que tiña, é lóxico pensar que as súas propostas non conectan coa visión que a maioría dos electores ten dos seus intereses. A partir desa constatación evidente, as análises enrédanse na múltiple variedade de matices a considerar e, en consecuencia nas posíbeis solucións que eviten futuros fracasos. Por exemplo, se as propostas eran axeitadas pero fallou a maneira de transmitilas, non se "venderon" ben, polo que hai que buscar un novo "vendedor" ou unha nova estratexia publicitaria. Neste caso, trataríase dun problema relativamente menor.
Máis complicado é cando se chega á conclusión de que o que fallan son as propostas mesmas, ben porque non están axustadas á realidade ou porque, ainda sendo realistas e racionais, non se corresponden cos intereses dunha maioría de electores. Se non se axustan á realidade, evidentemente, hai que cambialas (ou marchar para casa, que moitas veces é o máis proveitoso para todos). Pero se os propoñentes están convencidos de que as súas propostas son as máis axustadas á realidade e ao interés xeral (que nunca será realmente xeral, claro, senón dunha maioría suficiente dos cidadáns), ábrese o dilema de cambialas, para acomodalas máis aos "gustos" conxunturais do votante-cliente, ou de insistir nelas ata convencer ao votante-cidadán da racionalidade do proxecto ou ata que a evolución das circunstancias remate por dar a razón aos propoñentes.
O xogo de matices depende tamén da concepción do "negocio" político: se se considera ao votante como cliente ao que colocar unha mercancía ou se lle considera como cidadán ao que convencer dunha determinada maneira de organizar e resolver os asuntos públicos. No primeiro caso, a flexibilidade ideolóxica dun partido, e non digamos dun político individual, pode estirarse todo o que se queira, polo menos en campaña electoral, que xa no goberno haberá argumentos circunstanciais suficientes para xustificar calquera cambio de rumbo, por afastado que pareza dos programas iniciais (e nestes días estamos a ter exemplos dabondo sobre medidas de goberno que contradin rotundamente moitos dos principios declarados en campaña ou na oposición, como tamén os houbo no goberno anterior).
En canto ao segundo caso, o de considerar ao votante como cidadán consciente, se realmente se está convencido da xusteza das propostas propias, é cuestión de afrontar unha estratexia de desenvolvemento pedagóxico crítico para intentar que cheguen e callen na opinión pública, mesmo renunciando a beneficios electorais inmediatos. Neste sentido, ningún momento mellor que a actual crise para abrir un debate serio e profundo sobre a verdadeira crise de fondo coa que se pode atopar a humanidade a longo prazo (e pode que a medio, se continúa a aceleración da precariedade), cando a dinámica do crecemento irracional e desbaldidor, xunto cunha demografía descontrolada, entre en colisión coa limitación de recursos nun planeta deteriorado pola contaminación ambiental.
De momento, predomina o curto prazo e con efectos retroactivos. Predominan, tanto nos partidos que gañan como nalgúns dos que perden, os que pensan que a saída da crise consiste en volver ao punto de partida anterior á crise, á mesma situación que a provocou. É dicir, instalarse na crise permanente.