José Luís Gómez |
Un xornalista progresista, Daniel Salgado, preguntoulle a un político de esquerdas, o catedrático Xosé Manuel Beiras, no xornal El País por que a crise que orixinou a política de dereitas leva por diante á esquerda. E esta foi a resposta substancial: a esquerda que fixo o diagnóstico non foi escoitada pola esquerda institucional. É un xeito de dicilo, pero quizá sería máis claro recordar que a esquerda gobernante foi obrigada pola dereita política (Alemaña e a UE) e a dereita económica (os mercados financeiros) a facer unha política contraria á súa e, no canto de plantarse e convocar eleccións, explicando con claridade as cousas, púxose a mal gobernar o país. Digamos que á hora de cumprir a axenda alemá para España, Zapatero facía os deberes en plan remolón e mal, mentres que Rajoy executa todo o que lle din -e máis- como bo alumno aplicado.
Tiña solución España antes de que se disparase a crise? Seguramente puideron terse feito mellor algunhas cousas, pero visto o problema con perspectiva o máis seguro é que a esquerda, o PSOE, queimouse inutilmente. E que o PP non salvará España da crise se non recibe axuda de Europa, léase Alemaña. Hai unha pregunta que se fai o premio Nobel Paul Krugman que ilustra e enfoca a situación. Di o columnista de The New York Times: cando dúas das catro grandes economías europeas teñen peores resultados que na Gran Depresión, polo menos no que se refire ao PIB, e son tres de cinco se contan a España, non cren que os defensores da austeridade deberían exporse que, posiblemente, van por mal camiño? Aí está o problema de fondo, e non nas simplificaciones que ás veces se proxectan mediáticamente con mero interese partidario. E se alguén o dubida que mire a Portugal, país que foi a peor tras cumprir todas a medidas impostas pola UE, o BCE e o FMI.