O Goberno de Rajoy aprobou un decreto lei no que fixa topes aos soldos dos directivos das empresas públicas, que deste xeito non poderán cobrar máis de 105.000 euros de salario fixo, se se trata de grandes compañías, porque nas medianas o tope baixa a 80.000 euros e nas pequenas, a 55.000 euros. O Executivo xa rebaixara as remuneracións dos directivos das entidades financeiras que recibiron préstamos do Fondo de Reestruturación Bancaria Ordenada (FROB), como Bankia, Banca Cívica, BMN, NovaGalicia ou Caixa España, cun tope de 600.000 euros, seis veces máis que no primeiro caso. Pero hai realmente primeiro e segundo caso? Cando menos é discutible, se nos atemos á definición oficial que fai a Unión Europea dunha empresa pública. Bruxelas considera unha empresa pública calquera sociedade na que os poderes públicos poden exercer, directa ou indirectamente, unha influencia dominante en razón da propiedade, da participación financeira ou das normas que a rexen. En consecuencia, un banco nacionalizado como NovaGalicia podería ser perfectamente unha empresa pública.
As aparentes contradicións non se reducen ao caso xa mencionado. Suponse que o artigo 3 da Lei Xeral Orzamentaria tamén debería modificarse para redefinir o subsector público tras as intervencións financeiras e tendo en conta os criterios da Unión Europea. Ata agora, o Estado definía como compañías públicas as entidades públicas empresariais, as sociedades mercantís estatais, as entidades estatais de dereito público e os consorcios dotados de personalidade xurídica propia. Traducido a números, segundo a revista Tiempo, o Estado, as comunidades autónomas e os grandes concellos controlaban en 2010 unhas oitocentas empresas públicas -outras fontes falan de 2.800 e ata de 4.000- que movían en conxunto ao redor de 35.000 millóns de euros ao ano. Se agora lle sumamos a banca 'pública', o número de sociedades apenas aumentaría pero o volume de negocio dispararíase.
Rebaixar os salarios dos directivos de empresas públicas axuda á pedagoxía do Goberno para promover a devaluación social que conduce á caída xeneralizada dos soldos, pero en si mesma é unha medida de escasa contía, que ademais pode propiciar a marcha dos mellores xestores públicos. No sector privado tamén adoita haber normas pero con excepcións e, sobre todo, con incentivos.