domingo, 5 de febrero de 2012

O apurado triunfo de Rubalcaba - José Luís Gómez

José Luís Gómez
Alfredo Pérez Rubalcaba, cun proxecto interxeracional e para as clases medias, foi elixido secretario xeral do PSOE por unha marxe estreita: apenas vinte votos de diferenza, suficientes en todo caso para derrotar a unha emerxente do partido, a exministra Carme Chacón, que tamén tiña a triste honra de ser a primeira candidata socialista en perder o primeiro posto nunhas lexislativas en Cataluña. Nun congreso con 956 delegados, dos que votaron todos menos un, gañou a chamada oferta de experiencia ante a travesía do deserto (Rubalcaba, con 487 votos) fronte a outra oferta máis nova como opción para o futuro (Chacón, con 465 votos), e fíxoo coa bandeira do laicismo, do feminismo e dos dereitos sociais, mirando a Europa nos asuntos económicos. Carme Chacón, que foi medrando nas últimas semanas, obtivo un bo resultado, pero insuficiente.

A elección do novo secretario xeral do PSOE, que ten 60 anos, é decisiva para este partido pero tamén é importante para o conxunto da sociedade española, xa que esta forza política garante agora a alternancia democrática, tras ser o partido que gobernou durante máis anos este país en democracia. Mesmo tras un desastre como a das últimas eleccións xerais con Rubalcaba de candidato, o PSOE conserva sete millóns de votantes, animados por un cuarto de millón de militantes socialistas. Trátase, xa que logo, dunha elección vital para o partido pero, como advirte Josep Ramoneda, tamén para o equilibrio do sistema político, escorado á dereita.

Entre os deberes de Rubalcaba estará reorganizar o partido, sanear as súas contas e renovar de xeito paulatino as distintas federacións territoriais, ata conseguir dotarse dun programa e uns cadros capaces de recuperar os votos de 4,3 millóns de antigos electores que o 20-N optaron por outros partidos ou non acudiron a votar. E, obviamente, sen perder nada do pouco que lle queda. A última mensaxe de Zapatero como secretario xeral saínte foi clara: todos detrás de quen teña o novo liderado do partido. A primeira mensaxe do novo líder, tamén: en pé como un partido forte, suponse que unido, para o que será un bo termómetro coñecer este domingo a formación da nova executiva socialista. Sobre o que pase co candidato socialista en 2015, xa se verá. Medido en termos políticos, falta unha eternidade.