O 38 Congreso do PSOE contou cunha moi alta cobertura mediática. As confrontacións neste país no que somos un pouco cainitas sempre espertan expectación, e cando o enfrontamento é entre políticos do mesmo partido aínda máis por inusual e porque se agarda sangue. Finalmente gañou Rubalcaba por 22 votos de diferenza e moitos respiramos tranquilos; outros quedaron decepcionados -penso que os menos- porque consideraban que Carme Chacón era o comezo do cambio necesario.
A vitoria de Rubalcaba, pensamos, xogouse no debate final, no que ofreceu máis confianza. Chacón, pola forma e contido da súa mensaxe, deu a impresión de que non estaba aínda preparada, que fallaba no diagnóstico e por ende no remedio, e así deberon pensar os delegados que decidiron a última hora.
Sen embargo, as alternativas non eran tan diferentes aínda que unha se presentase como o cambio. En realidade, as dúas eran continuistas. A de Rubalcaba tiña detrás á maioría do vello aparato de Ferraz e dos históricos e a de Chacon contaba co apoio de parte do aparato de Zapatero, algúns históricos e unha parte importante da organización que consideraba que era o momento do cambio (tamén xeracional). Iso si, as dúas contaban con ‘cabreados’ por motivos varios, e aquí o negativo destas primarias internas nas que se sumaron apoios a un ou a outra non tanto por coincidencia programática como para saldar vellas débedas con outros compañeiros, en especial cos que comparten ámbito de actuación.
Unha proba disto é Andalucía, onde a división de cara ao congreso parece que se mantén na elaboración das candidaturas ao seu Parlamento autonómico, sinal de que a organización non está tan unida como puidera aparentar e de que aquilo de que “ao día seguinte todos co secretario xeral” era só un desexo.
Se o congreso serviu para algo máis dirano os documentos aprobados –dos que aínda non dispomos- pero diría pouco de nós que o conclave servise só para elixir ao noso secretario xeral e á Executiva por el proposta. Por certo, unha executiva que podía ter ofrecido algo máis de frescura (hai tempo para dar oportunidade a caras novas), pero xa se sabe que os apoios dunha forma ou doutra hai que pagalos. Dificil superar vellos habitos mercantis.