Xesús Veiga Buxán |
Os fans de Mariano Rajoy presumen de que o máximo dirixente da dereita española confeccionou un goberno sen hipotecas partidarias e mediáticas. Están –segundo esa lóxica discursiva- as persoas mais capaces e mais leais ao proxecto e á propia figura do gran líder. O único tributo do que non falan é, precisamente, daquel que paga aos poderes fácticos que actúan nos despachos de Bruxelas e nos mercados financeiros. A presenza de Luis de Guindos racha esa imaxe idílica do “superman” que non negocia a composición da súa equipa e demostra que ter exercido de “vip” no universo da especulación é perfectamente compatíbel coa idea que ten Rajoy sobre a estatura moral que deben posuír os seus colaboradores.
Iñaqui Urdangarín é outro nome propio que ficará asociado a este tránsito entre un ano duro e outro peor. As graves acusacións xudiciais atribuídas ao xenro do Xefe do Estado exemplifican a evolución sufrida nos últimos anos polo sistema democrático español.Que este membro da familia real teña participado activamente en presuntas prácticas delitivas no uso de recursos públicos demostra varias cousas:o notábel sentimento de impunidade co que actuou o membro da Casa Real; a carencia ou o fracaso dos mecanismos de control por parte da propia institución monárquica e dos gobernos de Baleares e da Comunidade Valenciana e o clima de tolerancia instalado en amplos sectores do corpo social a respeito dos episodios de corrupción rexistrados no ámbito da política e no mundo da economía especulativa.
Rajoy reaccionou con desagrado ás referencias feitas ao problema da corrupción no debate de investidura. A explícita minusvaloración asumida polo novo presidente é un dos sinais mais preocupantes do novo tempo político. Pedir sacrificios adicionais a unha maioría social que padece os efectos da crise provocada pola cobiza dos segmentos mais poderosos e desprezar, ao mesmo tempo, a importancia da rexeneración da actividade pública é tanto como pretender cadrar os círculos.A pesar de que non o pareza, entre Luis de Guindos e Iñaqui Urdangarín existen algúns puntos de contacto que deberían permitir debuxar as liñas vermellas para calquera proxecto que pretenda mellorar o benestar económico e a calidade do sistema democrático.