José Luis Gómez |
O PSOE atópase ante unha situación tan delicada que non caben experimentos con gasosa, senón solucións contrastadas. Hainas realmente? De entrada, parece que volve o discurso socialdemócrata e que España recupera o primeiro plano, de maneira que Rubalcaba é o abanderado da idea dun "partido nacional que vertebre España" e diga o mesmo "en todas partes", mentres Chacón asume o criterio de defender "o mesmo en toda España", apenas cun matiz catalanista: "en cada sitio co seu acento propio". Ambos se esquecen de que coa bandeira socialista e coa idea da España plural triunfaron en Cataluña, en Galicia e en España; outra cousa é que xestionasen mal as súas propias ideas en todas partes e perdesen o goberno en Cataluña, en Galicia e en España. Pero no canto de cambiar o seu xeito de xestionar España, parecen optar por cambiar a súa idea de fondo.
Con todo, quizá a principal novidade do PSOE estriba en que haberá primarias á francesa, abertas tamén aos simpatizantes, para designar ao candidato socialista a presidente do Goberno, que xa que logo pode non ser o secretario xeral. Moitos retos por diante e moi pouco tempo para facer tantos deberes nun partido que precisa ideas e líder para un país sociolóxicamente de centroesquerda que se quedou sen un proxecto político á súa altura.