Alfredo P. Rubalcaba y Carme Chacón |
Ideas? Poucas e moi similares: atopar matices vólvese tarefa de iniciados. Diferenzas? Máis de estilo que doutra cousa. Clave do resultado? Podería estar en quen demostra máis ganas e solidez para conducir o PSOE nestes tempos, o cal non é fácil.
Pérez Rubalcaba podería ser unha solución para saír do paso ata dentro de dous anos, con tempo por diante para ver como van as cousas e decidir entón se o PSOE debe ir con el a outras xenerais ou se convén que emerxa un novo líder, pero novo de verdade, tipo Madina, por exemplo.
Carme Chacón, vinte anos máis nova que Rubalcaba, vese xa con percorrido -"é hora de actuar e tomar decisións, non de buscar solucións de tránsito", di o seu escudeiro Francisco Caamaño-, aínda que necesita atopar máis apoios.
Rubalcaba parte cunha lixeira vantaxe sobre Chacón pero tamén arrincou así Bono fronte a Zapatero e terminou perdendo. Para Chacón será fundamental transformar o seu suxestivo aire renovador en sólido liderado político, e para Rubalcaba, demostrar que as súas habilidades como eterno número dous poden dar un número un con futuro. Hai partido.