(Leer en Castellano)
É Turquía Europa?. Atendendo ó fútbol, un observador casual diría que si. O Galatasaray, Besiktas ou Trabzon Sport rivalizan nos campos co Arsenal, Milan ou Madrid, axudando a autoidentificar ós turcos como parte dunha Europa na que compiten. Pero esa identificación é similar á dos xudeus, que non por disputar a Euro-liga de baloncesto, ou Eurovisión, poden aseverar que sexan parte de Europa, ou que vaian entrar na UE.
Atendendo á xeografía, un 3% do territorio turco, a antiga Tracia, está dentro de Europa, con fronteiras con Grecia e Bulgaria. Mais o 97% restante estaría en Asia, e con fronteiras con Siria, Irak ou Irán. Pero para saber se Turquía é Europa, teríamos que saber que é Turquía, e sobre todo, que é Europa. E calquera das dúas cuestións ten unha difícil resposta.
Para empezar, teríamos que ter claro que Europa nunca foi xeografía, se non historia. Porque se a xeografía a definise, Europa non é máis ca unha pequena península de Eurasia, e non o Continente que conquistou o mundo. Europa comeza a identificarse como tal na baixa idade media, indo máis aló da mediterranía romana como concepto aglutinador, e herdando parte dun proceso que comeza cos gregos da Ática, definíndose en contraposición á parte asi-Ática, o que hoxe é a Anatolia Turca. Os europeos éramos diversos, pero a nosa identidade foise forxando á contra. Persas, Musulmáns ou chinos eran alleos á identidade e civilización occidental que se ía fraguando.
Así, hai unha Europa occidental, católica e protestante, que chega ata onde chega o Gótico (Kosiçe, en Eslovaquia, fronteira con Ucraína, é a catedral gótica máis ó leste), e que inclúe todo o occidente europeo, Escandinavia, os estados bálticos, Polonia, Chequia, Eslovaquia, Hungría, e Croacia. Unha Europa que dende Lisboa a Tallin, e de Nápoles a Edimburgo, se vai construíndo nunha historia de loitas e avances, dó Gótico ó humanismo renacentista, e do Barroco á Ilustración, ou á revolución científica e industrial, ata chegar ás grandes guerras do século XX, e ó camiño federal.
Pero hai tamén outra Europa oriental e ortodoxa, que trae ata hoxe case invariable a fronteira do Imperio Romano de Oriente, tras da partición de Teodosio. Aí están Serbia, Grecia, Bulgaria; Aí estivo Constantinopla e o Imperio Bizantino, e aí están tamén Ucraína, Xeorxia, e Moscova, a nova Bizancio.
Entender esas dúas Europas é clave para entender o conflito Iugoslavo, a difícil e controvertida ampliación cara o leste dunha Unión Europea de raíz cristiá occidental, ou ata boa parte dos problemas gregos, derivados dunha xeopolítica que lles impuxo un rol alleo en boa medida á súa historia. Grecia é o berce de moito do que somos hoxe, pero dende Teodosio nunca foi parte da Europa occidental. Non viviu o Renacemento ou o Barroco, nin a Ilustración. E sen embargo foi parte, primeiro, do Imperio Bizantino, e despois do Otomán, os dous con cabeza en Constantinopla.
Supoñamos que Europa, ese marabilloso artificio da historia, supere as crises de crecemento, as crises financeiras, e o xogo sucio de Wall Street ou a City. Supoñamos que Europa acaba integrando de forma efectiva as Europas occidental e oriental ata a fronteira con Rusia e Ucraína. Ou ata que nun futuro puidese integrar a todos os europeos de raíz ortodoxa. Entón a seguinte pregunta sería cál é o límite de Europa, e se Turquía está do lado de dentro ou do lado de fora da fronteira.
Londres parece telo claro: Turquía ten que ser parte de Europa. Tan claro como teñen os británicos que non queren unha Europa federal, se non un mercado común que lles siga a dar un bo campo de xogo para a City. Viena ou París parecen telo igual de claro: Turquía non é Europa. E axuda no caso dos austríacos a memoria dos asedios turcos á súa capital, ou que durante 300 anos Hungría estivese ocupada polos otománs. España está nun punto intermedio, favorable a Turquía por motivos variables. No caso de Aznar, por unha lóxica preto da de Londres ou Washington, e no caso de Zapatero, por unha lóxica máis difusa, compartida con Mario Soares e outros, segundo a cal unha Turquía moderadamente musulmá dentro da Unión, favorecería unha Europa menos cristiá e máis secular. E segundo a cal, tamén por xeoestratexia nos interesa que Turquía sexa membro da Unión.
En calquera caso, un ten para si que Turquía sempre foi un elemento alleo á historia “interna” europea, e se algo fixo por esa historia, foi o de servir de aglutinador contra o que loitar: dende a batalla de Lepanto do zenit imperial español, erixido en estandarte da cristiandade contra o infiel, ata o imperio austrohúngaro, construído nos S. XVIII e XIX, en parte contra os otománs. E pola banda ortodoxa, a inimizade ruso – turca ten raíces fondas: foron os turcos os que conquistaron a Constantinopla do patriarcado ortodoxo, e foi o Imperio Otomán o que impediu a saída dos Zares ó Mediterraneo, ou os soños paneslavos e panortodoxos que ían de Atenas ou Belgrado a Constantinopla e Moscova. Rivalidade ruso – turca da que a OTAN soubo tirar proveito na guerra fría.
Así que pola parte do que é ou non é Europa, e atendendo á historia que nos define, un ten claro que Turquía estaría fora de Europa, en tanto está fora da historia europea. Dunha Europa que se construíu en boa medida contra Otománs e Musulmáns.