José Luis Gómez |
O problema para esta influente axencia vai máis aló dos desequilibrios fiscais na periferia da eurozona e esténdese aos crecentes desequilibrios exteriores e as diverxencias en competitividade entre o núcleo de unión monetaria e países como España. Por iso advirte de que un proceso de reformas baseado unicamente na austeridade fiscal ten o risco de provocar o seu propio fracaso, ao suscitar unha caída da demanda interna asociada á crecente preocupación dos consumidores polo emprego e a renda dispoñible. Traducido: o problema é máis de crecemento que de déficit e iso non se arranxa só con austeridade; fai falta recuperar a economía, exportar máis e, en definitiva, mellorar a balanza por conta corrente.
España segue camiño do que o profesor Robert Tornabell, autor do libro 'O día logo da crise', denomina un proceso de depreciación interna, pensando en recuperar produtividade e, a longo prazo, competitividade. Aínda sendo mala, pode ser a única solución, xa que España non pode devaluar o euro e saír da moeda común suporía non poder financiar a tremenda débeda pública e privada do país. A clave, como adoita reiterar o Nobel Paul Krugman, é que España agora non pode devaluar, o que conduce a outro tipo de depreciación, de maneira que moitas empresas axustan persoais, recortan salarios, reducen custos e ata baixan os prezos.
Tamén queda apelar ao optimismo histórico que, como explica o profesor Xavier Vence no seu último libro sobre a crise e a radicalización neoliberal, considera que a sociedade non poderá tolerar a destrución de todas as conquistas civilizadoras. É a súa receita fronte á completa submisión da vida privada e pública á volatilidade dos mercados, pero calquera sabe se xa basta cos seus bos desexos.