Cando unha nova realidade agroma, e fai obsoletos modelos antigos, hai sempre un tempo variable no cal se dirime a loita entre a inercia do coñecido, e a adaptación ó novo. Iso pasou coa revolución Gutemberg, e iso está a pasar agora coa revolución dixital. Megaupload, as leis Sinde - SOPA, ou o fenómeno das descargas ilegais e os roubos de direitos, non son máis ca expresión das disfuncións que está a provocar a mutación dunha sociedade analóxica en outra dixital.
A rede trae consigo a ubicuidade, e a inmediatez, no acceso a moita da erudición que ata o de agora acumulou a humanidade, o cal en principio son boas novas. Calquera que no Caurel conte con unha boa conexión a Internet, ten hoxe acceso a case toda a música ou literatura, na súa casa, dun xeito que ata hai nada era impensable na Coruña ou en Londres.
A rede trae consigo tamén un profundo cambio na loxística, que transforma as cadeas de distribución, e fai desaparecer intermediarios. Isto é así para calquera produto, pero especialmente para os culturais, facilmente dixitalizables e desmaterializables. De resultas, as nosas cidades quedaron sen tendas de discos, e a industria discográfica está en coma; o mesmo que pode pasar con librerías e editoriais. Namentres, unha nova metrópole virtual superponse á cidade real, e funciona a base de clics de rato e impulsos. Hoxe é sinxelo ter acceso ás 12 da noite a calquera cantata de Bach, e descargala ó instante, no entanto que a compra física do disco sería un proceso longo, no caso de que fose posible. E quen di Bach, di Miles Davis, ou o último libro de Vargas Llosa.
Os problemas xorden cando esa dixitalización da información, e a ubicuidade da rede, tamén propician o intercambio entre particulares, ou directamente o pirateo e lucro cos dereitos dos autores. Porque un podía deixarlle un libro de papel a un amigo, e nada malo tiña o feito. Pero se ese libro, convertido nun pequeno arquivo de e-book, se colga na rede para compartilo con millóns de “amigos” en barra libre, dinamítase a industria e acábase a un tempo co dereito do autor a vivir do seu esforzo. E iso que pode ser alegal e perigoso para os creadores, directamente é ilegal cando ademais alguén fai cartos co espolio, como parece que pasaba no caso de Megaupload.
Os problemas medran cando o consumidor afaise, nun círculo vicioso que xera o sistema, a telo todo, e telo de inmediato. A sociedade vírase adolescente, coas posibilidades que lle da a rede, e xa non quere límites nin negativas. Se unha película se estrea mañá nos cines, queren vela hoxe na súa casa. E a iso súmaselle un certo Síndrome de Dióxenes dixital, de feito que moitos acumulan nos seus discos duros, con descargas ilegais, e baixo a falsa premisa do “todo de balde”, músicas ou películas que nin en dúas vidas poderían escoitar ou ver.
O paradoxo final ven ser que a ubicuidade e o acceso a toda a erudición ou a toda a música, non necesariamente produce cidadáns máis cultos, se non as máis das veces homes perdidos no barullo e na cacofonía. Igual que a suposta maior facilidade de acceso á información non está a producir cidadáns máis avisados, se non narcotizados pola avalancha, e que non son quen de distinguir feitos ou novas, de barullo e demagoxia. E un ten para si que as disfuncións que está xerando a mutación dixital teñen moito que ver, xa non só cos problemas da rede, se non nunha relación causa - efecto bidireccional, ata coa crise, que máis ben parece unha enorme contradición interna, insalvable para o sistema, cos mercados do capital profundamente alterados pola ubicuidade instantánea da rede, e polas doutrinas ultraliberais.
Así que, en canto á piratería na rede, o que temos finalmente é un preito a dirimir entre uns xeitos de facer que manteñen inercias xa obsoletas, e as novas realidades que trae a revolución dixital. Coma case sempre, a virtude estará no xusto medio, e en atopar un punto de equilibrio razoable. Para elo teriamos que ser quen de producir un modelo novo, no que os libros, a música ou o cine teñan un acceso legal sinxelo na rede, e a prezos razoables que teñan en conta que desapareceron os intermediarios. Modelos xa hai, como Spotify; e un pensa que se non se fai así, estará perdida calquera loita contra as descargas á marxe da legalidade.