lunes, 9 de enero de 2012

Díaz Pardo certificou o papel de "Xornal" como continuidor do "Galicia" de Valentín Paz Andrade - José Luís Gómez

José Luis Gómez
A prensa periódica foi desde os seus inicios o instrumento imprescindíbel da modernidade: foi quen de crear espazos públicos de debate que trascendesen o salón aristocrático ou o casino burgués: a sociedade dos coñecidos. Ten o mérito de difundir a cultura escrita máis alá das elites latinizadas, propiciando o ascenso de numerosas linguas vulgares, moitas delas sen cultivo escrito anterior. Por iso moitos estudosos sinalan que a aparición dos xornais debe ser considerada un factor decisivo na formación das identidades nacionais modernas, no sentido en que son capaces de crear un espazo imaxinario de intereses comúns. Alén disto, os diarios tamén desempeñaron un papel determinante na consolidación dos sistemas políticos democráticos.

Desde ‘Xornal de Galicia’, partimos da idea de Galicia como comunidade de intereses comúns e, ao mesmo tempo, recollendo o ideario da Xeración Nós, como célula de universalidade. Mesmo cando ‘Xornal’ xa non está, as súas ideas prevalecen; e máxime tendo en conta que Isaac Díaz Pardo, recentemente falecido, certificou nun dos seus últimos artigos o papel de ‘Xornal’ como continuador do ‘Galicia’ de Valentín Paz Andrade, tamén desaparecido.

Xusto na línea na que Isaac Díaz Pardo o situou, ‘Xornal de Galicia’ aspirou a crear ese espazo imaxinario de intereses comúns a todos os galegos e as galegas e a dinamizar o debate social e político desde o respecto e o diálogo. En liberdade.

Asumindo plenamente o legado histórico e cultural transmitido pola prensa periódica democrática, 'Xornal de Galicia' propuxo un novo xeito de facer xornalismo na nosa terra co obxectivo de crear un escenario de referencia para todos os galegos que trascendera o lugar de publicación do xornal: xa que logo, partimos da idea de Galicia como comunidade de intereses comúns e, ao mesmo tempo, recollendo o ideario da Xeración Nós, como célula de universalidade.

Fixémolo tamén sabendo que en Galicia hai perspectivas progresistas e galeguistas que quixemos proxectar no noso país sin desmerecer a ningunha outra corrente de opinión, pero cando menos en pé de igualdade con outras tendencias claramente dominantes noutros medios. Que Isaac Díaz Pardo bendecira e respaldara este traballo, poñendóo en valor xunto ao ‘Galicia’, proba que pagou a pena. Porque Díaz Pardo foi un gran pintor, editor, diseñador industrial e creador, pero tamén foi e será sempre a memoria democrática galega.


José Luis Gómez foi director fundador de 'Xornal de Galicia'.