Mostrando entradas con la etiqueta Os abusos da Banca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Os abusos da Banca. Mostrar todas las entradas

domingo, 27 de octubre de 2013

Os abusos da Banca - Xoán Antón Pérez-Lema L.

Xoán Antón Pérez-Lema L.
Cadernos da viaxe.Nos últimos días os tres xigantes da banca española (BBVA, Santander e Caixa Bank) coincidiron en desacreditar a opción do Fondo Gugengheim para a adquisición de Nova Galicia Banco polo seu suposto carácter especulativo, cando o certo é que constitúe a única oferta viábel para salvar o emprego, a marca e unha oferta propia de servizos financeiros que limite os terríbeis  efectos do oligopolio bancario. De todos os xeitos, resulta chocante esa crítica cando os propios BBVA e Santander son propiedade na súa maioría de Fondos e investidores internacionais.

A fachenda destes xigantes bancarios contrasta coa realidade, na  que a banca privada española non cumpre coa súa función social e económica. Reciben do Banco Central Europeo (BCE) a baixo custo  inxentes cantidades de recursos que logo prestan caro ao sector público e desatenden totalmente a demanda de crédito das pequenas e medianas empresas,  nomeadamente de desconto de bó papel comercial. Demanda de crédito que constitúe a razón última das achegas do BCE.   Malia que xa non vendan preferentes siguen a presionar ao seu persoal para que  comercialice entre a xente común  renda variábel e outros produtos pensados para investidores e non para minoristas. E obrigan aos seus empregados a traballar longas xornadas de tarde sen lles pagar por elas.

As recentes absorcións saldáronse coa perda de centos de postos de traballo, moitos deles ben cualificados e remunerados. Nomeadamente significativos foron os danos xerados pola absorción  do Pastor polo Popular, tanto para os clientes galegos como para os empregados. Mais tamén a absorción do Banesto polo Santander produciu un sensíbel recurte do emprego.

A concentración bancaria exclúe dos servizos financeiros a milleiros de familias e pemes galegas. Velaí a necesidade de  que  a oferta de NCG Banco siga a existir independentemente dos outros operadores bancarios. E a conveniencia de garantirmos un instrumento financeiro da Xunta  pensado para a mediana empresa galega, á que a banca privada española cada vez exclúe máis ou lle presta máis caro. Un Instituto Galego de Finanzas que absorbese  Xesgalicia e ao inoperante IGAPE actual  e que actuase no ámbito da Banca corporativa.

Hoxendía a banca privada española no cumpre coa súa función económica e social. Polo menos na Galicia.