lunes, 23 de diciembre de 2013

A conxelación da política - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Os manuais que utilizan habitualmente aqueles partidos políticos que posúen maior influencia electoral establecen un criterio valorativo de relevancia indiscutíbel:esas organizacións existen para resolver os problemas que afectan ao corpo social. Aí radica a presunta superioridade argumental que exhiben ante os demais:eles pretenden ser útiles e non propoñen fórmulas ou alternativas utópicas. 

Se abandonamos o universo do politicamente correcto e tomamos contacto coa realidade actual que se vive no Estado español, podemos constatar algunhas circunstancias destacadas. É ben sabido que a situación económica e a crise catalana figuran no catálogo de problemas de maior envergadura que deben enfrontar os dirixentes políticos. Cal é a resposta que ofrecen os gobernantes do PP? Unha mestura de simplismo analítico, seguidismo do que se decide nos centros de poder europeos e rancia retórica centralista. Mariano Rajoy traslada as responsabilidade das eventuais solucións aos demais:que Merkel e a troika diten o que hai que facer para saír do burato económico e que Artur Mas renuncie ás posicións que defende no contencioso aberto en Catalunya. O inmobilismo é o sinal de identidade que caracteriza, neste momento, o labor do presidente do goberno español.E, por suposto, quen se mova no seu partido non sairá nas fotos que dan entrada ás estancias do poder.


Se visitamos o territorio do PSOE comprobamos a distancia que media entre o teórico papel de forza opositora e as posicións concretas que adopta nos temas denantes referidos.A credibilidade social das políticas propostas pola equipa de Rubalcaba para conectar co evidente malestar provocado polas decisións dominantes en materia económica presentan dúas eivas decisivas:a reforma “express” da Constitución pactada entre Zapatero e Rajoy no verán do 2011 consagrando o dogma do déficit público establecido no directorio da UE e a recente conformación dun goberno de coalición entre Merkel e o SPD.A capacidade para convencer ao conxunto do electorado que depositou a súa confianza nas opcións programáticas do ano 2008 é o principal reto dos dirixentes socialistas actuais e futuros.


No tema de Catalunya, a complicación da encrucillada do Partido Socialista non é menor.A contundencia expresada no rexeitamento do acordo avalado por CiU,ERC,ICV e CUP neutralizou a posición diferencial previa materializada nunha xenérica proposta de reforma federal do texto constitucional.Curiosamente, Pérez Rubalcaba considera absolutamente rexeitábel a defensa do dereito de autodeterminación –algo que, por certo, formou parte do programa deste partido nos primeiros anos do posfranquismo- ao mesmo tempo que semella asumir a viabilidade dun novo artellamento federal para o Estado. No actual contexto, resulta tan imposíbel efectivizar o primeiro como o segundo.Modificar a letra da “lei de leis” require o apoio dun PP que está mirando, primordialmente, para ese electorado que segue instalado na visión de España como “unidad de destino en lo universal”.


O tempo político está conxelado.E non pola situación metereolóxica.Non hai propostas capaces de restaurar as importantes feridas que presenta o corpo social por parte de aqueles partidos que administran o maior nivel de confianza electoral. A pesar dos excesos verbais que regalan aos respectivos “hooligans”, non poden agachar a evidencia: carecen, agora mesmo, da utilidade da que sempre presumiron.