domingo, 20 de octubre de 2013

O divorcio entre sociedade e parlamento - Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema L.
Cadernos da viaxe.
O recente debate sobre o estado da Nación reflectiu un fondo divorcio entre o contido dos debates no Parlamento e as angueiras da cidadanía. É decepcionante a incapacidade das forzas parlamentares para acadar os consensos fundamentais que precisa este País,  mais non deixa de ser certo que foi Feijóo  quen rachou  anteriores consensos  e quen deconstruiu as políticas de prevención de lumes, mellora do medio rural, ampliación do benestar social  e potenciación das enerxías renovábeis do pasado goberno de coalición. Sendo certo tamén que a axenda dos Gobernos do PP é tan radical canto ás políticas de recurtes que é moi difícil que o electorado dos partidos da oposición sinta a mínima atracción  pola idea de pactar co Goberno.
Mais  é inconcibíbel  que PSdeG, AGE e BNG non sexan quen a se pór dacordo nunha axenda común ou, polo menos, nun conxunto de propostas comúns que lle ofrecer á cidadanía e coa que confrontar coa ausencia de proxecto da  maioría absoluta do PP. É evidente que a alternativa ao PPdeG só pode ser multipolar. Pero semella que as forzas da oposición están a xogar ao xogo das cadeiras musicais, a ver quen fica fóra ou dentro,. A ver quén mellora coa súa táctica a posición relativa entre as tres forzas opositoras, malia que cadanseus electorados obxectivos sexan moito máis compatíbeis entre si e pidan accións e propostas comúns.

Fronte esta incapacidade, a cidadanía anda a artellar novas fórmulas para se facer ouvir.  Velaí o suceso da Iniciativa Lexislativa Popular xurdida dunha comisión cidadá luguesa formada por persoeiros representantes da sociedade civil, entre eles o antigo alcalde Vicente Quiroga, que acadaron en poucas datas máis de vinte  mil sinaturas para garantirlle a todas as cidades galegas os servizos de radioterapia e hemodinámica.
Sen dúbida a sociedade vai moi por diante dos partidos e non vai agardar por eles.

A BRINCADEIRA: SEN FOTOCOPIADORAS NOS XULGADOS.

Varios Xulgados da Coruña están sen fotocopiadora ou coa mesma avariada. Non se cobren as baixas por enfermidade  nin os días de feiras do persoal. O servizo resíntese, malia a dedicación xeralizada dos xuices e dos funcionarios. Os recurtes están a afogar a Administración de Xustiza.