martes, 1 de octubre de 2013

A débeda, no 100% do PIB - David Peón Pose

David Peón Pose
Acaban de publicarse os Presupuestos Generales del Estado para 2014 e xa non gañamos para disgustos. Unha das noticias é que en 2014 a débeda pública superará o billón de euros alcanzando o 100% do PIB. Como non quero amargarlles a festa, hoxe decidín adicar este artigo a aclarar un erro que, constantemente, repiten ata a saciedade medios de comunicación e (meu deus…) tamén os propios políticos que nos gobernan.

O concepto en cuestión apréndese en primeiro de economía: é a diferencia entre variable fluxo e variable stock. Un stock é unha cantidade acumulada nun momento concreto; o fluxo, unha variación experimentada nun periodo de tempo. Así, en termos de contabilidade nacional, o PIB é unha variable fluxo que expresa a producción dun país ó longo dun ano. A riqueza, en cambio, é unha variable stock que indica os bens, acumulados ao longo de décadas, dos que dispoñemos actualmente. De maneira equivalente, en termos de contabilidade doméstica, unha cousa é a súa renda persoal (os ingresos que gaña ao longo dun ano) e outra o seu patrimonio (os bens dos que dispón actualmente que, presumiblemente, foi acumulando ao longo dos anos).

Por que lles conto isto? Primeiro, porque chegados a esa cifra máxica do 100% de débeda sobre PIB, leo en varios medios ideas como “debemos todo o que temos” ou “España debe o equivalente a toda a súa riqueza”. Primeiro, sinto decirlles que España debe moito máis: ese 100% do PIB só é a débeda pública; a privada é moi superior. Pero, en segundo lugar, o Estado español debe o equivalente ao que o país produce durante un ano. Non é que sexa pouca cousa, pero non é o mesmo que deber todas as nosas riquezas. Así por exemplo, cando alguén suscribe unha hipoteca, o habitual é (a non ser que se chame vostede Florentino Pérez) que se endebede por un importe superior ás rendas que gaña nun ano. En cambio, se despois de contraída a hipoteca a súa riqueza (incluído o valor do piso) cae por debaixo do adebedado, o problema empeza a ser serio.

A confusión fluxo – stock é un clásico nos medios de comunicación e tamén na política. O caso paradigmático deuse en 2007, xusto antes da crise: Zapatero anunciaba que España superaba a Italia en renda per cápita. ZP botaba foguetes, a prensa decía que eramos máis ricos que os italianos, e a oposición patalexaba decindo que todo era un conto. Eu desesperaba vendo que ninguén saía a decir “señores, unha cousa é o PIB per cápita e outra a riqueza”. Amancio Ortega pode tomarse un ano sabático, ter rendas de cero euros durante ese ano, e non por iso vostede ou eu seríamos máis ricos que el. España superou puntualmente en renda a Italia, pero para sermos máis ricos, deberíamos superar a Italia durante décadas, ata acumular unha riqueza superior á que os italianos acumularon todas as décadas nas que xeraron máis rendas que nós. Así de simple.

Outro clásico son as comparativas entre empresas e países. Exemplo típico: “se Google fose un país, sería a x-ésima economía do mundo, por diante de pericolandia e chiquitistán”. Pois non home. Está vostede comparando capitalización bursátil (stock) e PIB dun país (fluxo de producción xerado nun ano). Un país vale moito máis do que xenera nun ano. De feito, non hai estatísticas moi fiables da riqueza e, en calquer caso, sempre farían referencia a conceptos ‘de mercado’ porque… canto vale o aire que respiramos? E unha paisaxe?

Se facer comparacións entre peras e mazás lle serve a vostede para facerse unha idea da dimensión da mazá, estupendo. Pero, por favor, non peda de vista que peras son peras, e mazás, mazás.