Xoán Antón Pérez-Lema L. |
A presunción de inocencia segue a abeirar a todos os afectados no “caso Bárcenas-PP”,mais a información ao dispór reflicte xa pegadas moi consistentes da responsabilidade política do PP como organización. Velaí os 400.000 € supostamente aboados polo PP aos avogados de Bárcenas, o mantemento deste no seu soldo, chaffeur, escritorio e secretaria na sede popular estatal até o último día deste xaneiro, a relación cotián entre Rajoy e Bárcenas,mantida cando aquel sabía xa da titularidade por parte deste de 28 M€ de probábel ilícita procedencia, as instrucións (¨Luis, lo entiendo, sé fuerte…” ) que recibe o tesoureiro a primeiros deste ano para negar a súa autoría a respecto dos papeis. E a teimuda realidade de 47 M€ que, polo menos nunha grande parte, sairon, si ou si, da corrupción sistematizada dende a dirección das finanzas do primeiro partido do Estado.
Mais a dimensión económica da corrupción chámanos a atención sobre a centralización da xestión económica dos Partidos estatais e a súa colusión co “capitalismo castizo do BOE”, nomeadamente o mundo das grandes construtoras e sectores regulados. Porque os números do saqueo de Bárcenas nun Estado descentralizado só se explica pola imposición dende Madrid aos gobernos autonómicos e locais dos contratistas amigos, da (i) lóxica radial da Alta Velocidade, do novo aeroporto de Madrid que consumiu máis dun billón-con b, de burro- das vellas pesetas.
Claro que hai corrupción nos níveis autonómicos e locais. A moreas. Mais só na cimeira é observábel como unen as súas liñas os intereses do cemento sen coñecemento e da prevención dese capitalismo castizo de BOE a respecto da existencia, por exemplo en Galicia, de empresas non dependentes da megaconcentración de poder económico e financeiro dun Madrid que paga as súas custosas infraestruturas e liftings cos cartos de todos os cidadáns do Estado.
Limpar razoablemente este grao inaturábel de corrupción vai precisar de cirurxía xudicial e de prevención a medio dunha lexislación electoral e da transparencia alicerzada en sólidos valores de cidadanía, horizontalidade e responsabilidade. Mais será eixo fundamental destas políticas a loita contra as grandes concentracións de poder político, económico e financeiro. Porque non hai mellor amigo da corrupción ca a recentralización e a concentración