lunes, 17 de junio de 2013

Os datos do CIS - Xesús Veiga


Xesús Veiga
Hai poucos días, o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou o estudo “Postelectoral de Galicia.Elecciones autonómicas 2012” realizado entre Outubro e Decembro do ano pasado.Resulta sorprendente a demora no coñecemento deste informe.A pregunta é, pois, pertinente:estamos ante a demostración práctica dun funcionamento ineficaz deste instituto público ou cabe pensar nalgún cálculo político dos seus actuais responsábeis para beneficiar ao partido que detenta o goberno da Xunta?

Tamén é chamativo o notábel silencio co que foi recibido este traballo do CIS entre as forzas que conforman o mapa parlamentario galego.A pesar do importante material informativo que subministra, apenas existen reflexións ou análises por parte de quen, teoricamente, deben coñecer a realidade sobre a que actúan e revisar, permanentemente, o nivel de congruencia entre os programas que propoñen e o estado de opinión do corpo social ao que se dirixen.


Se queren, os dirixentes do PPdG poden comprobar que a vitoria do 21-O estivo condicionada, nunha medida relevante, polo deficiente estado que presentaban os partidos da oposición.Mais aínda:o principal activo exhibido polo partido da gaivota –a propia figura de Núñez Feijoo- non ten a consistencia suficiente para superar cun aprobado o exame do CIS.A fraxilidade é indiscutíbel:inmediatamente despois de obter unha maioría de escanos non foi quen de merecer unha valoración acorde con semellante resultado electoral.Se iso sucedeu antes das fotos con Marcial Dorado, podemos imaxinar o que ocorrería no caso de actualizar a sondaxe.


No territorio do PSdG as conclusións non admiten dúbidas:unha parte importante dos seus votantes optaron por outras opcións (sobre todo AGE, voto en branco e abstención) debido ao desacordo co labor de oposición na lexislatura anterior, coas liñas mestras da campaña electoral e coa propia figura do candidato proposto.Se X.M. Beiras conta con mellor valoración que Pachi Vázquez no seo do electorado socialista, non debería ofrecer moita discusión a necesidade do relevo no liderado da segunda forza política na Cámara do Hórreo.


No caso do BNG, o inquérito do CIS debería servir para facer un mellor diagnóstico a respeito do comportamento seguido polo electorado nacionalista.A perda de votos en favor de AGE non foi porque percibiran a esa coalición como unha forza de maior radicalidade nos vectores básicos que conforman a identidade dunha formación política.Os datos son elocuentes:as persoas que apoiaron ao BNG nas anteriores eleccións do ano 2009 considéranse –de media- menos nacionalistas e menos de esquerdas que a cualificación que outorgan –neses mesmos parámetros- á organización frontista.Semella evidente que o pasado 21 de Outubro o Bloque pagou unha forte peaxe pola división padecida e foi incapaz de captar unha mínima porcentaxe dos numerosos votantes que fuxiron do universo socialista.


Polo demais, o traballo do CIS confirma que AGE –a principal triunfadora dos comicios galegos- posúe un electorado de procedencias heteroxéneas (BNG, PSdG,EU, abstencionistas)  que non semella respostar ao relato unilateral que proclaman, habitualmente, algúns dos seus dirixentes.Hai elementos empíricos no informe demoscópico para pensar que a gran maioría das persoas que apostaron pola coalición fixérono atraídas por dúas circunstancias decisivas:o carácter unitario da oferta –contra o PP e a “troika”- e a función catalizadora de Beiras.Velaí a chave do éxito e non a presunta radicalización de segmentos do corpo electoral a favor da “ruptura co sistema neofascista”.