lunes, 17 de junio de 2013

Nin ética, nin idea de economía - David Peón Pose

David Peón Pose
Afortunadamente, a crise tamén está a servir para algunhas (moi escasas) cousas positivas. Unha delas é a maior preocupación e interese da xente por saber e entender de economía. Aínda que, desgraciadamente, tamén nese sentido hai moita intoxicación.

Grazas ao éxito da austeridade expansiva (si, ese concepto do que xa falamos aqui e que agora non ten pai), un dos conceptos que mellor acabou por aprender a xente da rúa é o do fluxo circular da renda: despidos e baixadas de salarios supoñen menores rendas, que se traducen en menores vendas para as empresas, o que fai que estas despidan a máis xente ou acaben por pechar, o que fai que... e a roda segue xirando.
 Hoxe o excelente (coma sempre) artigo de Antón Costas en El País, 'En tiempos de tribulación no hacer mudanza', lembroume outra das intoxicacións que nos chegan constantemente por múltiples canles, desde o TDT Party á propia Comisión Europea: atacar políticas sociais como o subsidio de desemprego, as axudas á dependencia ou as políticas da Junta de Andalucía a respecto dos comedores escolares por supostamente ineficientes. Xa sabedes, fans daquel dito "en España el que no trabaja es porque no quiere". Son os mesmos que hoxe defenden as virtudes de medidas super-novedosas como... baixar impostos ao capital e rendas altas porque "son los que crean empleo".
Hoxe Antón recórdanos unha lección fundamental en crises de demanda: "Keynes... (a)rgumentó convincentemente que en medio de una recesión tiene más efecto sobre el crecimiento del PIB gastar un euro en alimentar a escolares malnutridos o dárselo a los parados que rebajar los impuestos a los ricos. Esto tiene que ver con lo que llamó la 'propensión marginal al consumo' de los pobres y con el 'multiplicador' de los gastos públicos". Cada euro dos 400 euros de axuda aos parados de longa duración que o Goberno de Rajoy amagou con suspender en repetidas ocasións será gastado polo seu beneficiario, xa que non conta con outra fonte de ingresos e esta xente ten vicios raros que manter como o de comer a diario, por exemplo. Eses euros gastados serán ingresos para unha panadería ou un supermercado, o que lles axudará a capear mellor o temporal... etc. Por non falar dos efectos positivos a longo prazo sobre o capital humano de cortar de raíz coa malnutrición infantil da que tamén se fala hoxe nos xornais.


 As políticas sociais non son só cuestión de ética e decencia humana (o cual sería suficiente para defendelas). Son tamén políticas económicas eficientes en contexto de depresión económica. Pero algúns, visto o visto, non teñen nin ética, nin idea de economía.


Update: Escribo os artigos ao ritmo que mo permiten os peques... Remato a argumentación. Alguén podería apuntar que temos un problema adicional: como financiar ese gasto público, cando o problema da periferia euro está precisamente no seu financiamento. Deixo á marxe todo o comentado neste blog sobre o papel do ECB e a UE, que xa é bastante. Limitándose ao financiamento dos Estados, é subir (e non baixar) impostos ás rendas altas a alternativa. E de novo por idéntica razón: en crise de demanda, son os impostos a quen consume unha proporción pequena das súas rendas os que terán menor impacto sobre a demanda. Subir impostos ao capital no contexto actual de globalización das economías é máis problemático, e un dos dos problemas aos que se enfronta o noso modelo de economía social no contexto internacional. Por iso, a solución á que xa temos apuntado en varias ocasións apunta a subir o IVE, si, pero non como se ven facendo ata agora, senón implementando un IVE a productos de luxo. Impostos deste tipo, como os impostos especiais sobre gasoliñas, etc. teñen un impacto moi limitado sobre a demanda e elevado potencial recadatorio. De novo, non é só cuestión de 'xustiza poética' mais de eficiencia económica.