martes, 11 de junio de 2013

Ladróns veñen, ladróns veñen, ladróns veñen e van… - Antonio Campos Romay


Antonio Campos Romay
Ao longo de case dous anos unha serie de cidadás e cidadáns absolutamente respectables  e  de habitual tranquilo, víronse abocados facer da vía publica o seu espazo, e da protesta, a súa actividade por mor dunha xentiña nada respectable.

Xentes diversas cuxo peor pecado foi traballar honestamente toda a súa vida e en moitos casos en actividades duras e penosas. Traballadores do mar, do campo, asalariados diversos…O esforzo dunha vida transformado en aforros para ter un certo acomodo nos seus derradeiros anos, ou parar contribuír a abrir unha fiestra a fillos ou netos axudándolles nos transos que depara unha sociedade que xeme nos seus cimentos. Todo evaporase entre a indolencia de gobernos de distinto signo e o comportamento como mínimo pouco dilixente cando non lamentable da máxima autoridade bancaria encargada de fiscalizar o comportamento do sector. Autoridade que si non e quen de cumprir as tarefas que lle son propias, en troques mostra total desenvoltura pronunciándose sobre dereitos laborais e salarios. Ocupación entrañable tanto para o Sr. Fernández Ordóñez como para seu sucesor, o Sr. Linde

Estafados e roubados. Vilipendiados en máis dunha ocasión. Impotentes ollan como os seus cartos esfúmanse en presuntas solucións que comportan quitas confiscadoras e  espectrais conversións en títulos accionariais cadavéricos. Mentres os ladróns, chourizos e delincuentes que trouxeron a ruína  chimpan ás súas anchas nunha impunidade que nalgúns casos atopa acougo na particular interpretación das súas funcións dos encargados de esixir responsabilidades en nome do estado. Quizais esa particular  interpretación débase a que máis que en nome do estado, actúan en nome e encargo dun goberno entre cuxas preocupacións non aparenta estar a belixerancia ante estes corruptos, que en non poucos casos foron significativos compañeiros de viaxe do poder.

Unha comisión de sabios –moi sabios todos-, realizou un informe sobre o futuro, que xa é presente, das pensións. Sobre a súa independencia, que presupónselles ao abordar tema de tamaño calado, podería dar pista un debate televisivo onde un paladín do ultra-liberalismo defendía tal carácter para o que citaba tres nomes, tres, de persoas aparentemente mais vencelladas á defensa de público como argumento de pluralidade. O que fai entender e así  ratifícano os currículos dos 9 restantes da comisión de doce, que os seus intereses vincúlanse á promoción de fondos de pensións e desarme do sistema publico. A douta proposta comporta un axuste cuxa dureza non ten homologación en Europa, salvando os casos de Grecia e Letonia, aos que parece que tales sabios amablemente desexan equipararnos.  Estamos ante un novo paso, neste caso coa coartada dunha comisión “ad hoc” en orde a dinamitar calquera resto que poida quedar do estado social e de dereito, con reflexo no que deuse en chamar o estado de benestar, que consagra a Constitución.

Preténdese que a sanidade pública é ruinosa. Que a panacea é privatizar o existente. Pretensión falaz albergada nunha cínica campaña auspiciada por aqueles que deberan ser garantes do existente. Feita co mesmo deplorable encirramento que no seu día usou a Sra.  Thatcher (cuxa morte foi celebrada con champan por moitos británicos), para abordelar un sistema pioneiro e exemplar de saúde publica. Como no caso das pensións, trala posta en cuestión do sistema subxace un suculento negocio onde cravar os seus fauces os quenllas que tras cobizosos negocios coa burbulla inmobiliaria, rebentada esta, necesitan outro polo de actividade agasallado polo poder publico.

É permanente o ataque visceral ao estado de benestar (incipiente por certo) desde os sectores mais radicais do ultra-liberalismo que parasita o partido conservador que goberna hoxe con maioría absoluta. Un ataque no único que son transversais estes gobernantes. Mesmo atacan os dereitos laborais e as prestacións sociais como os dereitos civís, o acceso á educación ou o laicismo. Por vía de exemplo é alarmante a entrega do estado a un confesionalismo concordante co nacional-catolicismo dos tempos escuros.
 

E a todo isto os campanudos oficiantes do partido gobernamental e os seus acólitos do  aparello mediático andan inquedos pola marca España. Fantástica apócema aos nosos males ideado por lucidas mentes tras sisudas reflexións. Segundo os seus criterios vese afectada polos scraschers dos que unha Lei Hipotecaría  absurda e obsoleta deixa na rúa  subsistindo o pago do ben perdido cegándolles o escaso futuro posible. Polos estafados das preferentes que poñen en evidencia o roubo que están sufrindo.  Polos que manifestan a súa indignación e desesperación nas rúas…Trátanos a todos de nazis e terroristas, con especial dedicación á Sra. Colau e aos membros da PAH e xa no delirio o eurodeputado Iturgaiz (o que con moitos outros  colegas esixe que con diñeiro publico fináncieselle a viaxe en preferente nos seus desprazamentos aéreos) ataca aloucadamente o feito  de que se recoñeza o seu labor co Premio Cidadán Europeo 2013. Por se a súa voz fose pouco súmase desbocada a Sra. Aguirre falando de “esperpento”. Non son poucos os que considérana a ela o esperpento oficial da política española.

 Ningunha destas persoas fai un exercicio de honestidade ou de decencia intelectual recoñecendo que o único que esta afundindo esa macilenta marca España, é ter o partido gobernante afectado ata o tuétano por unha trama corrupta que compromete seriamente a moitos dos seus dirixentes. Que fronte á corrupción non se tomen medidas tallantes. Que a xustiza non sexa igual para todos. Que a finais de ano poidan chegar a sete millóns os parados. Que a fraude fiscal adquire dimensións insufribles. Que a xefatura do estado transmita unha imaxe vergoñenta….Eses si son algúns dos torpedos á liña de flotación da nave España…

 No fondo a razón esta na imaxinación popular. Esa cidadanía que facendo de tripas corazón e poñendo humor á súa desesperación nun municipio pontevedrés  clama polos seus diñeiros poñendo unha nova letra a “A Rianxeira”. Canción case tan identitaria como o himno galego. E como este, nacida alén do Atlántico escrita  por Xesús Frieiro Dourado, (Pinciñas) e musicada por Anxo Romeu Loxo.

 Seguramente Frieiro e Romeu sentiríanse atónitos ao escoitalos,…“ladróns veñen, ladróns veñen, ladróns veñen  e van…” Ou quizais non….