Xosé A. Gaciño |
Por unha parte, o PSOE, dentro do seu proceso de renovación da súa alternativa política, propón unha reforma do Senado, posibelmente unha das institucións (xunto coas deputacións provinciais) que os cidadáns perciben como máis inútiles. Constitucionalmente, está definida como cámara de representación territorial, pero apenas cumpre esa función e na práctica sirve fundamentalmente para retrasar o traballo lexislativo (en caso de diferenzas co Congreso, predomina a decisión da chamada “cámara baixa”).
Os socialistas barallan agora a incorporación do modelo alemán, que consiste en que os membros do Senado sexan designados polos gobernos autónomos e que teñan poder de veto na aprobación de leis que afecten directamente ás comunidades autónomas, sobre todo en materia de financiamento. Supón un cambio profundo, que ademais necesita unha reforma da Constitución (que contempla a elección de senadores por provincias e polos parlamentos autonómicos), polo que non ten moitas probabilidades de saír adiante. Pero deberían considerar que, a forza de frustrar calquera reforma, vai cobrando peso entre a opinión pública o criterio de que o Senado supón un gasto innecesario.
Tamén parece inspirarse en Alemaña a dirección do PSOE cando, despois de pasarse varios meses opoñéndose a que o PSdeG-PSOE elixa ao seu secretario xeral por votación directa de todos os seus militantes, de pronto decide propoñer que se incorpore á lei dos partidos políticos a obrigación de que todos os candidatos a cargos públicos sexan elixidos en eleccións primarias. O PS francés e o Partido Democrático italiano, entre outros, veñen utilizando ese método nos últimos anos. En España, tamén o contemplan en Esquerda Unida e en Unión Progreso e Democracia. Pero é que en Alemaña a lei obriga a todos os partidos a que elixan en primarias aos seus candidatos a cargos públicos (igual que lles obriga a celebrar congresos cada dous anos, con delegados elixidos polos militantes en votacións secretas, e a someterse a auditorías externas, dúas medidas que non estaría mal que tamén se copiasen).
Pero quizais a proposta más interesante sexa a que ven de lanzar o PP na Comunidade de Madrid: que un terzo dos 129 deputados autonómicos sexan elixidos en circunscricións uninominais por voto maioritario, e o resto co voto ás listas cerradas na circunscrición autonómica, completándose o reparto con criterios proporcionais. Desta maneira compaxinaríanse as vantaxes dunha certa relación directa entre os electores e o seu deputado de distrito coas vantaxes do sistema proporcional de recoller o máis axustadamente posíbel a diversidade política. Este sistema mixto é empregado en Alemaña nas eleccións xerais, combinándose ao 50 por cento o reparto maioritario e o proporcional.
En España a distorsión do sistema proporcional de votación constitúe unha das violacións máis flagrantes e sistemáticas da Constitución, permitindo aos dous principais partidos unha representación parlamentaria por enriba das súas posibilidades de voto, ao tempo que fai practicamente imposíbel a renovación de ofertas políticas. Introducir o sistema alemán nunha comunidade uniprovincial tería unha incidencia mínima, pero podería ter unha repercusión importante en eleccións xerais, combinando as eleccións uninominais en distritos provinciais (varios distritos en provincias máis poboadas) co reparto proporcional de restos no ámbito estatal (ou nos ámbitos autonómicos, como fan en Alemaña). Desa maneira, por exemplo, o PP non tería maioría absoluta no actual Congreso e formacións como EU e UPD terían unha representación realmente acorde co seu nivel de votos. Contaríamos cun parlamento vivo, ante o que o goberno non podería inhibirse tan facilmente como fai agora.