Cadernos da viaxe.
O balbordo continuo dos tres localismos, agravado polas opinións parciais dos Clubes Financeiros de Compostela e Vigo e pola desputa interna no PP santiagués sobre a paternidade do novo vóo a Estambul de Turkish Airlines (un vóo que habería atribuir moito máis á potencialidade de Inditex ca a política turística das nosas Institucións), xustifica insistirmos, outravolta, nalgunhas realidades sobre o País que temos e sobre que servizo aéreo precisamos.
Galicia ha integrar as súas infraestruturas nun único sistema aeroportuario. Mais esta integración require dunha política común de especializacións, complementariedades e, xa que logo, atracción de compañías, mesmo a medio de subvencións que haberían ser xestionadas conxuntamente. Pola contra, os tres aeroportos precisan de autonomía na xestión dos seus propios servizos, porque a centralización de AENA é ineficiente e prexudicial para as oportunidades da empresa galega. Xa que logo, o modelo futuro require dunha concepción local autónoma que lle encomende o día a día dos aeroportos aos concellos e sociedade civil da área de cadanseu aeroporto, nun esquema participativo de colaboración público-privada.
E logo está a especialización. Se decidimos que Vigo é o aeroporto cara París, A Coruña cara London-Heathrow ou Compostela para o “hub” británico de Stansted (que garante, dende a flexibilidade e comodidade dun pequeno aeroporto a interconectividade galega con ducias de cidades europeas), temos de prover unha conectividade total do País co avión de que se trate. E para isto compre garantir unha comunicación frecuente por bus coas outras cidades. Nun prazo indefinido, haberemos definir que remuda aeroportuaria implicará un novo mapa ferroviario que, polo de agora, nin está nin se agarda por él.
Hai quen defende pechar Alvedro e Peinador. E, outros, Labacolla. Mais, ao día seguinte de pechar esa/s infraestrutura/s, van chegar mellor turistas e viaxeiros galegos a cadanseu destino? Alguén está a pensar na importancia da carga e da súa conexión cos nosos portos?
Para falarmos de aeroportos compre arrumbar os localismos. Mais, para lle garantir a todos que non han sofrir prexuizos, compre que a Xunta asuma xa as competencias da xestión aeroportuaria e defina, dende unha ampla participación cidadá, territorial e do coñecemento de expertos, o terreo de xogo.