Xoán Antón Pérez-Lema L. |
A axustada elección presidencial na Academia Galega (RAG) amosa a necesidade de desenvolver unha intelixente política de concordia que reformule, canda outras Institucións e axentes sociais, os alicerces da acción normalizadora na sociedade dos últimos trinta anos, limitada canto aos seus éxitos.
Cómpre o máximo rigor a respecto das Administracións para acadarmos a igualdade xurídica real, só posíbel se equiparamos os deberes de coñecemento de ambas as dúas linguas oficiais. Mais cara á sociedade é urxente recoñecer a conveniencia do plurilingüismo como modelo onde aplicar eficaces políticas restitutivas que recoñezan a existencia normal dos galegos castelánfalantes e incentiven a modificación parcial dos seus hábitos para achegalos ao uso da nosa lingua propia.
Son os galeguistas e nacionalistas os primeiros interesados en tirar as hipotecas da lingua e rachar a equiparación galegofalante urbano= nacionalista. Porque só dende políticas flexíbeis e amábeis coa cidadanía (e firmes coas Administracións e axentes políticos) poderá esta sociedade ir illando as condutas contrarias aos valores do civismo democrático dos inimigos do galego, ao xeito de Galicia Bilingüe e demáis freakies de quenda, hoxe desgrazadamente presentes en boa parte das equipas de goberno dos Concellos coruñés e compostelán.
Cómpre, tamén, unha política normalizadora de menos despachos e máis rúa e rueiro para facer popular e cidadán a tarefa a prol da lingua.
Na súa estrea presidencial, Alonso Montero cometeu o erro de criticar a normativa de consenso aprobada no 2003. O galego precisa vivir, con normalidade, no contexto da lusofonía construindo máis pontes cara á integración política e cultural da Galicia no seu seo. Seica Alonso Montero podería corrixir as súas non matinadas reflexións e comezar por nomear académicos correspondentes escollidos nos distintos países que partillan a lusofonía, inserindo deste xeito a RAG na súa urdime académica e institucional.
Tamén habería retirar o recurso de casación contra o Decreto do galego, porque o Supremo, amáis de rexeitalo, fixará unha doutrina contraria á interpretación que o TSXG fai da Lei de Normalización. Compre salientar que non hai vulneración de Dereito estatal que alicerce nin este recurso nin o da Xunta, retirado por mor da presión cidadá.