miércoles, 6 de marzo de 2013

Perdidos na néboa da crise aparente - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Envoltos na néboa dunha crise conxuntural a punto de converterse en crónica, porque a solución que nos marcan as autoridades incompetentes serve precisamente para prolongar a crise e non para saír dela, tampouco os supostos debates políticos, os escándalos de corrupción ou as obsesións reprodutoras de ministros teocráticos, por poñer algúns exemplos, contribúen a orientarnos. Máis ben todo o contrario. Como no antigo xogo da galiña cega (que non sei se aínda segue a xogarse nalgunha parte), parece que a finalidade de tanto rebumbio mental é precisamente a de desorientar totalmente ao persoal, de maneira que, cos ollos vendados e a cabeza saturada de continuas mensaxes reais ou enganosas, se perda por completo o sentido da realidade.

O de menos é que un se quede perdido no desconcerto, sen posibilidade de atopar substituto no papel de sentinela da escuridade. O máis lamentábel é que, entre néboas e enganos, un remate por aceptar, sen demasiadas resistencias, que a responsabilidade do que pasa non é dos que causaron a ruína de todos cos seus xogos particulares de especulacións e manipulacións (estafas, din algúns directamente). Pouco a pouco, entre berros de despiste, empurróns intencionados e voltas en redondo, o rebumbio pretende convencer ás galiñas cegas de que, en realidade, a responsabilidade é case exclusivamente súa, por ter vivido por enriba das súas posibilidades, e, en todo caso, dalgunha que outra comunidade autónoma ou, seguro, dos pequenos municipios que tiveron a soberbia de pretender prestar servizos aos seus habitantes.


En cinco ou seis anos que levamos de crise, os grandes poderes, coordinados ou cada un pola súa conta, espontaneamente ou cun plan de comunicación e propaganda perfectamente elaborado, conseguiron convencernos de que o problema é o gasto público, sexa o que sexa, e as que se consideran as súas secuelas naturais, a corrupción e a dilapidación. Moderar o gasto público, evitando dilapidacións e perseguindo a corrupción, é un obxectivo xusto e necesario en calquera circunstancia xeográfica ou política, con independencia de que haxa ou non crises económicas. E as tentacións desbaldidoras e corruptas son tan antigas como as estruturas de poder. Xorden en calquera réxime político: nas ditaduras poden ocultarse á opinión pública con moita máis facilidade, mentres, nas democracias, hai máis posibilidades de denuncialas publicamente.


Outra cousa é que se aproveite a néboa da crise, que todo o pretende confundir, para rebaixar gastos sociais, desvalorizar salarios e suprimir dereitos laborais, dentro doutro plan máis ambicioso, o de preparar á poboación traballadora da Europa próspera para competir coa man de obra barata, cando non escrava, dos chamados países emerxentes. Ensinarnos a traballar como chineses, segundo o sincero desexo expresado en voz alta polo presidente de Mercadona ou polo presidente do grupo estadounidense Titan, e que comparten, sen necesidade de dicilo, tantas grandes empresas que practican a deslocalización sistemática das súas fábricas.


Desorientados pola néboa da crise aparente e conxuntural, non advertimos que a crise real e permanente, con lixeiras variábeis periódicas (nestes momentos, a hiperplasia nada benigna da especulación financeira), é o propio sistema capitalista, que ten demostrada unha asombrosa capacidade camaleónica para adaptarse a calquera circunstancia e para sobrevivir ás súas propias tendencias autodestrutivas. Para colmo, agora conta coa axuda dunha gran potencia que aínda se considera comunista e que mesmo aglutina a países teoricamente revolucionarios.


Como se dixéramos, temos néboa e crise para sempre, ou, polo menos, para unhas cantas xeracións.