Xesús Veiga |
Dúas varas de medir. O modelo nacionalista español que defende o PP é incompatíbel cunha opinión razoada e razoábel dun fiscal que exerce en Catalunya e que, a pesar das súas ideas conservadoras, profesa un respecto escrupuloso pola lóxica democrática. Ao mesmo tempo, as ideas canónicas sobre a familia tradicional que habitan no universo profundo da dereita española dispoñen de carta branca ante as máximas autoridades políticas do goberno e do partido. Nin sequera foi suficiente a protesta do colectivo gai do PP que, nunha notábel demostración práctica de retranca, sinalou a evidente correlación entre a perpetuación da especie e o celibato ao que veñen esixidos os membros que conforman as estruturas organizativas da Igrexa católica.
Palabras e silencios. Despois das surrealistas explicacións da señora Cospedal sobre o itinerario laboral de Barcenas, os dirixentes da rúa Génova decretaron o apagón informativo para evitar unha acumulación de falsidades que fixera incontrolábel a xestión do escándalo do antigo tesoureiro do partido de Rajoy. E como aquí non estamos en Berlín ou en Londres, non hai problema:mentres alí dimiten ministros ou parlamentarios por mentir sobre as súas actividades públicas, neste territorio de rancios defensores das vellas tradicións políticas, relixiosas e familiares dáse un exemplo ao mundo sobre as formas de asegurar a permanencia nos cargos. Segue sendo certo: Spain is different.