Xesús Vega Buján |
A situación social na que vivimos non fai aconsellábel insistir nese método analítico.O que agora estaba en xogo era a propia utilidade da institución para conectar cos sentimentos e preocupacións das persoas que hai pouco mais dun ano propiciaron, co seu voto, a composición actual da cámara lexislativa.O que se debería avaliar é a capacidade sedutora que tivo esta cita parlamentaria, se foi quen de suscitar o seguimento e a recuperación dunha parte da confianza perdida no seo do corpo electoral.Todos os indicios dispoñíbeis (cativos niveis de audiencia televisiva, orientación principal da liña expositiva de Mariano Rajoy, debilidades estruturais do principal partido da oposición) permiten concluír que o resultado, dende esta perspectiva, foi decepcionante.Seguramente eran poucas as expectativas existentes na maioría dos votantes do 20-N do ano 2011 mais iso non evita constatar a consolidación da grave disociación que se ven xerando entre representantes e representados.
Na axenda temática do debate figuraban, de xeito destacado, dous grandes asuntos:o grave deterioro das condicións de vida provocado pola persistencia do devalo económico e a reiteración dos episodios de corrupción, encabezados polo caso Barcenas.No primeiro, Rajoy foi totalmente previsíbel:asumiu sen complexos o rol de apéndice da “troika” reivindicando como normal o incumprimento dos seus compromisos electorais por mor da fidelidade a un presunto deber superior ao que se deriva da vontade cidadá expresada nas urnas.O presidente liquidou, cunha displicencia digna de mellor causa, un dos principios básicos de calquera arquitectura democrática:o respecto pola palabra dada en sede parlamentaria.Buscar coartadas xustificativas na herdanza recibida non é convincente nun político profesional que está obrigado a posuír un coñecemento contrastado da situación das finanzas públicas despois de ocupar responsabilidades gobernamentais moi relevantes.
No tratamento da corrupción, o máximo dirixente do PP fixo un chamamento implícito á conformación dun corporativismo defensivo que actúe como cordón sanitario ante a treboada de escándalos.A negativa a citar polo nome ao ex -tesoureiro da súa formación política deixou constancia do temor que lle suscita a capacidade de chantaxe deste persoeiro e demostrou a consideración infantil que lle reserva aos seus votantes e ao conxunto do corpo electoral.
As enquisas posteriores insisten na derrota de Rubalcaba no combate argumental ante Rajoy.A sombra do xiro copernicano protagonizado por Zapatero naquel inesquecíbel mes de Maio de 2010 segue hipotecando as posibilidades de recuperación do Partido Socialista.En todo caso, hai algo que os estudos demoscópicos non poden diluír:a sensación de que o debate anual do Congreso certificou a notábel distancia que separa a esta institución do estado de ánimo existente na rúa.