miércoles, 20 de febrero de 2013

Incompetencia, ridículo e cinismo - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Cando subiu o IVE, o ano pasado, o ministro de Facenda comentou que o imposto sobre o valor engadido se paga pouco en España, e que, se o pagasen todos os que o deben pagar, non faría falta subilo. Toda unha demostración de incompetencia ministerial: en vez de perseguir aos defraudadores, aumentar a cota dos contribuíntes que cumpren coas súa obrigacións fiscais.

Outra vez, cando lle interpelaron no parlamento en relación cos informes anónimos que acusaban ao presidente catalán Mas e á familia do ex presidente catalán Pujol de sacar diñeiro de España de xeito irregular, contestaba con ironía que os que tiñan que dar explicacións eran os que tiñan contas en Suíza. Isto era antes de descubrirse que o ex tesoureiro do PP tiña 22 millóns de euros nunha conta no país helvético, fortuna amasada nos tempos nos que manexaba os diñeiros do partido actualmente no goberno: desde que transcenderon as andanzas financeiras de Bárcenas, Montoro non volveu utilizar a ironía sobre as contas en bancos suízos.


Agora, como reacción ridícula contra as críticas que se deslizaron na gala de entrega dos premios Goya do cine español, acusa, xenericamente, a algúns dos actores españois famosos de non pagar os seus impostos en España. Como no caso anterior, aproveita para engadir que, se eses actores pagasen aquí, as bases impoñíbeis e a recadación serían máis amplas (outra vez o castigo aos que cumpren, mentres os defraudadores seguen libres, a pesar de que o ministro, polo que di, debe de saber quen son os que defraudan).


Hai que desenvolver un certo nivel de cinismo para facer ese tipo de insinuacións, no medio da lameira na que se move o partido do goberno, e facelas desde o posto de ministro de Facenda. A interpelación é simple e directa: se ten coñecemento dese tipo de fraudes, a súa obrigación é perseguilos, antes de lanzalos como armas de insinuación masiva. E se non os persegue, unha de dúas: ou acusa en falso e sen probas ou é cómplice dos fraudes.


Seguramente que hai actores que defraudan ou que teñen o seu domicilio fiscal fora de España (isto último non é necesariamente delito, sempre que se cumpran as condicións de domicilio real), como hai deportistas, cantantes, banqueiros e ate tesoureiros do Partido Popular, pero nada diso invalida o dereito de calquera actor, deportista e ate banqueiro a expresar as súas opinións críticas sobre as actuacións do goberno.



E se a Maribel Verdú se lle critica que lamente agora os desafiuzamentos porque noutro tempo fixo publicidade de préstamos hipotecarios, cánto temos que criticar a Montoro e ao resto do goberno (Rajoy en primeiro lugar) por cumprir nestes momentos iso que chaman o seu “deber” despois de ter despregado no seu día unha propaganda electoral en sentido totalmente contrario.