“Mexar e non botar pinga” é unha expresión coloquial. Quizais pouco axeitada para un contexto formal, pero bastante común. Que escenifica con rotundidade e por iso soa menos vulgar, a sorpresa, o pasmo, a estupefacción cando estamos falando de algo que parécenos surrealista, ou que incita a indignación.
O imputado Sr. Rato, vaise de conselleiro a Telefónica con preto de 40.000.000 anuais das choradas pesetas. Deixa cos fuciños dunha cuarta aos estafados de Bankia e os buracos da súa xestión no sistema cuxas excrecencias pagaránse co diñeiro dos que non chegan a fin de mes. Atoparase como en familia…Por aquí o Sr. Zaplana (13 oct. 2005: “Estoy en política para forrarme”...sic). Saindo por alá o xenro da Súa Maxestade O Rei, o Sr. Undargarin….
O Sr. Zaplana (xa forrado é de supoñer) co Sr. Bono (que semella non anda en escaseza), a Sra. Trujillo (“El que tenga deudas, que las pague. Que no se hubiera endeudado”) e o Sr. Acebes (imputado no caso Bankia) apíñanse nunha Fundación para defender a España Constitucional….En que horas baixas debe andar este país e a súa Constitución para caer en mans de tales paladíns…
A Sra. Marquesa, Dona Esperanza, non para de ir ao cárcere. De visita claro…Os seus desvelos son o dirixente de NNGG que serviulle de particular correo económico e ideolóxico coa oposición cubana, o Sr, Carromero. Un mozo que cunha mala practica automobilística librou a D. Raúl Castro de dous opositores amolantes. Accidente que os sectores ultras sen éxito, quixeron ver como unha conspiración posta en marcha polos servizos secretos cubanos. O Sr. Carromero viuse envolvido, non inocentemente, en todo o tema. Non é cousa de desexarlle ningún desasosego máis aló do que por si mesmo debe responder. Pero seria gratificante ver similar entusiasmo en liberar do cárcere na que podrecese un mozo vigués rehabilitado das súas dependencias e socialmente reintegrado sen que ninguén dos que teñen a chave, a familia popular que monopoliza o poder, mova un dedo no seu favor.
O Súa Borbónica Maxestade está de aniversario. Nun almibarado enxaugue cualificado de entrevista, un xornalista de longo percorrido e non poucas xenuflexións, ía apuntándolle as respostas “ad maiorem regis gloriam” ao seu compañeiro de dueto pois ao entrevistado facíanselle difíciles enfialas. Pero sen saírse en ningún momento dos lugares comúns. Un episodio máis da vergoñenta operación de maquillaxe dunha murcha monarquía. Con dubidosa lexitimidade de orixe no titular, e uns comportamentos que segundo se desfílacha o veo censor que protexe a machado a institución, deixa ver as lacras que a podrecen baixo o ouropel.
Pona en solfa unha cidadanía que vai madurando e desexa tomar o país nas súas mans. Pasando previamente pola recuperación entre moitas outras cousas, dun sistema electoral que permita darlle vida a unha democracia esmorecida. Ás veces cabe pensar que hai pobos máis infantís e outros menos. O noso apunta a decisión de medrar e camiñar sen un “Pai gobernador providencial pola Graza de Deus e do extinto Caudillo” de cuxa man cheguen solucións caídas do ceo, hipotecando o futuro nun príncipe azul. Esta chegando a maioría de idade suficiente para rachar co mito de que a estabilidade repousa nas solucións demiúrxicas dunha familia escollida por Deus.
Nun momento dese espantallo chamado entrevista, é rechamante unha frase do Sr. de Borbón senior sobre o Sr. de Borbón junior: “o príncipe de Asturias mellor preparado da Historia” Realmente cal é o patrón? A edade de Principes de Asturias de Fernando VII, Isabel II, os Alfonsos... O listón move a risa… Tanta como o escoitar a un señor que goza de absoluta inmunidade ou impunidade segundo véxase, que ocupa un cargo vitalicio e hereditario fechado para calqueira español, e que goza dunhas circunstancias non compartidas por calquera outro no país, manifeste que desexa contribuír a que España sexa “máis igualitaria e máis xusta”… Polo menos haberá que recoñecerlle que é chusco o Borbón. Unhas veces dicíndonos que “todos somos iguais ante lei” e outras falando de “igualdade e xustiza”.
O devandito. Un problema urolóxico.