jueves, 24 de enero de 2013

Corruptos manipuladores e arrogantes - Xosé A. Gaciño


Non sei se son os mesmos individuos, pero si que son do mesmo colectivo, do mesmo partido para ser exacto, os presuntos corruptos e os descarados acusadores universais da palla no ollo alleo. E non é porque noutros partidos non florecese tamén a corrupción, que iso parece como se estivese na natureza humana (ou polo menos en certos incentivos adquiridos na fase de configuración da nosa e doutras sociedades), senón porque, neste caso, a dose correspondente de corrupción coincide cun nivel desusado de desvergonza arrogante, desde a soberbia dunha maioría absoluta concedida por unha lei electoral que non reparte os escanos do xeito proporcional que establece a Constitución (á que agora consideran sagrada e intocábel os que se resistiron a aceptala nun primeiro momento).

Ao longo do penoso ano pasado, e fronte ás mobilizacións de protesta provocadas polos sistemáticos recortes discriminatorios impostos polo goberno central (como brazo executor das directrices neoliberais que ese mesmo goberno asumía nas instancias europeas, sen apenas algunha discrepancia de detalle), foron moitos os dirixentes e representantes da arrogancia absoluta maioritaria que se dedicaron a descualificar, insultar e ate difamar aos diversos colectivos que protestaban (e seguen a protestar) contra unhas medidas que consideran inxustas e ademais ineficaces para conseguir a finalidade que aseguran perseguir, a de superar a crise (en realidade, máis ben a verdadeira finalidade son os recortes en si mesmos). 

Xa nos tempos da súa oposición absoluta aos gobernos socialistas inmediatamente anteriores, esta dereita arrogante non vacilou en bloquear a renovación de institucións que eles, supostamente, consideran importantes como o Tribunal Constitucional ou o Consello Xeral do Poder Xudicial, ou en desprestixiar operacións policiais e actuacións de xuíces (algún dos cales rematou expulsado da carreira, coa complicidade de envexas corporativas), todo para manter controis anteriores ou para abortar investigacións que lle prexudicaban. Instalados no goberno, estenden as sospeitas sobre toda a sociedade, desde os funcionarios (con especial xenreira contra profesionais da sanidade e da docencia) ate os parados, a uns por supostos privilexios e a outros por suposta vagancia, pasando por sindicatos, enfermos e pensionistas, cadaquén co seu estigma case delituoso de abusos dos fondos públicos.

Estes manipuladores de tópicos e prexuízos, que nos botan en cara que todos vivimos por enriba das nosas posibilidades, atópanse coa súa propia medicina. Con moitos menos indicios de comportamento irregular, eles teñen condenado a media sociedade española. Agora pretenden saír indemnes coa expulsión dun ex tesoureiro (ao que as investigacións xudiciais e a información dun banco suízo sitúan como titular dunha substanciosa conta de 22 millóns de euros) e cunhas auditorías que van ter difícil localizar un suposto tráfico clandestino de sobres con diñeiro negro (tamén é difícil demostrar o contrario: están condenados ás sospeitas permanentes, as que eles sementaron con profusión en tantos outros casos con menos base que no seu). 

Pode que todo este escándalo de contas e sobres teña unha repercusión legal limitada e un custe político moi relativo. Contan coa complicidade desa maioría mediática abafadoramente conservadora, a que, cando a suposta corrupción é de dereitas, despachan as súas análises coas responsabilidades diluídas de que todos os políticos son iguais (cando a corrupción ven de formacións de esquerdas ou nacionalistas, particularizan concienciudamente todos os detalles).
Esperemos que, polo menos, rebaixen o seu ton arrogante e insultante contra os castigados cidadáns.