domingo, 13 de enero de 2013

Cadernos da Viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema
CORRUPCIÓN E BIPARTIDISMO.
A corrupción dalgúns políticos e, nomeadamente, do sistema, é unha das preocupacións fulcrais da cidadanía. E a súa gravidade ten unha das súas razóns sobranceiras na colonización institucional que os dous principais partidos levaron adiante dende a consolidación do esquema bipartidista (1982). Na Constitución do 1978 os partidos definíronse como as principais ferramentas para lle dar canle o dereito dos cidadáns á participación política, por mór da demonización que a ditadura franquista fixo das estruturas partidarias. Mais o que tiñan que ser uns veículos de participación democrática foron, de paseniño,converténdose en buroracias dirixidas por unhas elites cada vez máis reducidas e omnipotentes, convertendo a carreira política nun tránsito só reservado aos fieis e silentes, no canto dos mellores ou máis comprometidos.

E velaí algunhas das graves chatas do noso sistema. Estruturas absurdas e duplicadas (Deputacións, Delegados e Subdelegados do Goberno, entes instrumentais) que só serven para lles dar cómoda ocupación aos seareiros e chegan a se transformar en monstros inoperantes que nin PP nin PSOE queren limitar ou suprimir. Burocracias partidarias que elixen e condicionan ao Consello do Poder Xudicial, ao Tribunal Constitucional ou ao Tribunal Supremo. Recursos detraídos para manter estas estruturas ineficientes e anular ou, polo menos, mancar substancialmente os instrumentos de control e fiscalización do sistema.


E que dicir dos esgrevios “ex” populares e socialistas. O capital oligopolista e, sobre todo, os beneficiarios das privatizacións de empresas públicas dos anos 80 e 90 do século pasado agasallan aos seus benefactores con boas retribucións sen responsabilidades coñecidas. Velaí os casos de Aznar e Elena Salgado (Endesa), Rato -considerado polo Business Week como un dos peores executivos internacionais-(Telefónica), Felipe González (Gas Natural) ou  Acebes (Iberdrola ).


 Outro día cumprirá falarmos da ineficiente xestión destas privatizadas.


A ARRINCADEIRA: DAVID REBOREDO OU UN INDULTO DE XUSTIZA.


David Reboredo foi un de tantos do noso tempo afogado no inferno da droga. Soubo reaxir, reinventarse e ser un home útil á súa familia e á súa sociedade, até traballar incansábelmente contra as drogadicións. PP e PSOE indultaron a corruptos e banqueiros. Ninguén entendería non indultar a un cidadán que soubo erguerse logo de caer.