Cabalo grande, ande ou non ande. Desde que se empezou a falar de economías ou empresas dimensionadas, algúns entenderon que se trataba de ser o máis grande posíbel, de emprender unha sorte de campionato de fusións e concentracións, sen esperar a estudar cal tiña que ser a dimensión axeitada. Agora coa crise, acelerouse outra vez a tendencia concentradora, sobre todo no sector financeiro, e iso que unha das leccións da crise foi a do perigo que supoñen para a estabilidade do sistema as entidades e as empresas demasiado grandes. Ou quizais precisamente por iso: aos máis grandes non se lles pode deixar caer e son os primeiros candidatos ás axudas públicas, esas que se lles negan aos destinatarios das políticas sociais, inventadas para compensar as desigualdades que provocan precisamente os grandes xenios da especulación e a dilapidación.
Son as contradicións deste sistema (nestes momentos, o único en activo: o capitalismo), se funciona en estado puro, sen intervencións e correccións, como pretenden os seus defensores máis fundamentalistas. Baséase no libre funcionamento do mercado, na máis libre competencia, pero tende ao monopolio. É necesaria a vixilancia desde a intervención estatal para evitar o monopolio ou a súa variante oligopolística: o acordo para non facerse competencia e cargar sobre o consumidor (en prezos ou en índices de recargas bancarias sobre os créditos). A mano invisíbel do mercado libre non elimina a espiral de acaparamento de poder e do lucro infinitamente progresivo. Máis ben, todo o contrario.
Non sucede só na actividade económica. Tamén as liberdades políticas sofren co asedio das concentracións de poder (de partidos, de estruturas institucionais, de estados…). Os grandes partidos que se alternan na xestión dos gobernos retroalimentan a súa permanencia no poder tanto coa manipulación das normas electorais como co control dos grandes medios de comunicación, de xeito que, partindo dunha teórica liberdade de expresión e de asociación, na práctica as opcións informativas son moi limitadas e as posibilidades de que novas opcións partidarias cheguen a gobernar son case nulas.
Confúndese a unidade coa uniformidade e non resulta nada doado manter a diversidade federal cando a coordinación central está dirixida por acaparadores do poder, sobre todo se o acaparador parte con vantaxe. E se as decisións se concentran na cúpula –por aquilo da eficacia e do tratamento igualitario–, máis lonxe van quedando do pronunciamento democrático directo (que, á súa vez, soe limitarse ao voto cada catro anos). A idea internacionalista dun goberno mundial que supere os receos nacionalistas e ofreza un marco de convivencia legal universal é manipulada polos que a utilizan para xustificar calquera proceso de concentración de poder.
Así, entre monopolios ou oligopolios económicos e monopolios políticos en alternancias bipartidistas, entre as multinacionais que deseñan a globalización á súa conveniencia e as estruturas supraestatais concibidas para controlar as sucesivas concentracións de poder, vanse diminuíndo as marxes de participación cidadá, tanto na actividade económica (coa maioría explotada ou consumida) como na actividade política (simple votante entre opcións moi limitadas). Os cabalos grandes seguen a dominar. Non importa que anden ou non anden, que se equivoquen ou que abusen. Teñen o poder e deciden. Até que se dea coa fórmula de quitarlles o poder e decida realmente a maioría cidadá.