Comezou a nova lexislatura no Parlamento galego. As novidades principais xa son coñecidas: maior marxe numérica na hexemonía do PP, redución notábel da representación do PSdG e do BNG e aparición dunha nova forza política –AGE- cunha presenza destacada.
A nova andaina parlamentar estará acompañada dun pano de fundo que ninguén pode ignorar:a fondura e duración da crise económica vai xerar diversos episodios de conflitividade social protagonizados por sectores que, seguramente, tiveron comportamentos de voto diferentes o pasado 21-O.Núñez Feijoo sabe que a maioría absoluta dos escanos nin sequera asegura o apoio dos seus votantes ás políticas gobernamentais que se vaian desenvolver a partir de agora.A confianza e a fe que solicita habitualmente teñen uns limites que poden ser superados nos vindeiros meses.A eventual fuxida presidencial para a política estatal pode ser unha saída persoal pero non resolvería os problemas asociados á xestión da crise polo goberno galego saído das urnas.
A oposición política na Cámara do Hórreo ten importantes tarefas nos vindeiros anos.Deberá estar á altura das expectativas xeradas entre os seus votantes mais tamén terá que sintonizar con todas aquelas persoas que desexan cambios nas políticas públicas a favor dos sectores sociais que están pagando os custes dunha crise causada pola da cobiza dos especuladores financeiros.
A importante mobilización unitaria rexistrada na folga xeral do pasado día 14 constitúe un incentivo explícito para que PSdG, AGE e BNG manteñan unha coordinación significativa no labor de confrontación co goberno de Núñez Feijoo.A converxencia vivida nas rúas do País debe ter unha tradución adecuada na dinámica parlamentaria.Sen descoñecer as diferenzas entre as tres organizacións pero sen buscar interferencias derivadas dun cálculo partidista ou dunha actitude prepotente.Neste sentido, o tratamento da composición da Mesa foi un exemplo paradigmático do que non se debe facer.O erro cometido polo PSdG foi grave.No canto de posibilitar unha fórmula que, polo menos, asegurase o nivel de representatividade acadado nas lexislaturas precedentes, preferiu satisfacer intereses inmediatos do propio aparato dirixente ofrecendo, indirectamente, o primeiro agasallo argumental ao PP.
O comportamento de AGE e BNG tivo un denominador común:buscar fórmulas para facer viábel un exercicio práctico de colaboración da oposición nun asunto que ten unha indiscutíbel carga simbólica.Ambas organizacións, en todo caso, deberán superar a tentación de facer lecturas inapropiadas do sucedido o 21de Outubro.O argumento de que antes da chegada de AGE non existiu unha oposición que actuara coa debida contundencia no Parlamento, ademais de ser totalmente inexacta –polo menos no referido ao BNG- revela unha actitude prepotente que non se compadece coa cooperación que require o momento político actual.Do mesmo xeito, suxerir eventuais divisións internas na nova coalición en base á distinta procedencia dos seus deputados e deputadas tampouco facilita o clima de colaboración fronte ao adversario común.