As eleccións ao parlamento galego do pasado 21 de outubro presentábanse como de resultado incerto, con grandes incertezas en canto a como afectaría aos resultados a crise económica e as novas opcións electorais, igual podía esperarse un resultado sen cambios como un xiro total na dinámica parlamentaria. O resultado foi un pouco de todo, continuista pola banda dereita e de ruptura pola banda esquerda. Pasadas unhas semanas dende a data, semella bó momento para facer algunha reflexión sen propósito sistematizador:
Falta de mobilidade entre o electorado de esquerdas e de dereitas:
Xa é unha vella característica da política galega, quen vota á dereita vota sempre á dereita e quen vota a esquerda o fai sempre a esquerda, sen que apenas ninguén se plantexe cambiar o seu voto dun lado ao outro da trincheira. En parte esta circunstancia pode derivarse da falta de un partido máis ou menos de centro que sirva, dalgún xeito, de intermediario, de parada intermedia no tránsito político dunha banda á outra. Entendo que ese papel o fixo en certas comunidades autónomas o partido Unión Progreso y Democracia, pero en Galicia non parece que sexa quen de cumprir ese rol, quizais pola desasisada definición de Rosa Díaz do termo “gallego”, quizais pola presenza da opción electoral de Mario Conde que diluíu as posibilidades dos de Díaz, quizais porque o electorado conservador galego entendía que a maioría electoral da dereita perigaba e que non era tempo de experimentos políticos. Tampouco conseguiu facer ese papel de partido mediador de centro o partido Compromiso por Galicia.
Fidelidade do electorado do P.P.:
Relacionado co anterior punto, sorprendeu nestas eleccións o pouquísimo desgaste electoral do Partido Popular, a pesar da que está caendo, e a ausencia de fuxida de votantes. Probablemente esta circunstancia se explica en boa parte polo illamento do Partido Popular respecto ao resto do abano político, é dicir, un votante de esquerdas ten varias opcións políticas as que pode votar sen ter que darlle a volta de maneira radical ás súas posturas políticas, non hai distancias insalvabeis entre o partido socialista, o Bloque, Anova e Esquerda Unida. En cambio no lado dereito, á dereita do P.P. non hai nada e polo seu lado esquerdo parece haber un amplo deserto ata a seguinte parada, o partido socialista. Ademais, aínda que o P.S. de G. hoxe en día semella máis un partido de centro que un realmente de esquerda, por tradición e mesmamente polo seu nome, resulta moi difícil que un votante do P.P. cambie o senso do seu voto votando o P.S. de G., de maneira que se pode dicir que un elector descontento do P.P. non o ten doado para atopar outras opcións de voto con posibilidades claras de entrar no parlamento. Xúntese a iso que probablemente moitos votantes modernos voten un pouco como se consume nunha sociedade consumista na que se “merca” para construir unha identidade, e a hora de elixir unha “marca” de partido de dereitas, que “vista” de dereitas, parece que a opción máis adecuada é votar u partido grande e poderoso.
Mobilidade do voto de esquerdas:
Na parte esquerda do espectro electoral pasa todo o contrario que no lado dereito, o votante de esquerdas semella non andarse con moitas lerias á hora de cambiar o destinatario do seu voto se considera que a súa vella opción de voto xa non responde aos seus intereses ou puntos de vista. A pouco que haia unha opción con algunha posibilidade de obter representación, aínda que sexa moi minoritaria, se entende que se adapta máis ao que el quere ,o votante de esquerdas o votará sen preocuparse de se é unha “marca gañadora” ou non, se cadra tamén confiando en que a cultura de pactos da banda esquerda do arco parlamentario é garantía dabondo de que o seu voto non será desaproveitado. Probablemente unha boa parte do electorado do P.S.de G. xa se sentía fortemente tentado a votar a Esquerda Unida, a consecuencia da perda de identidade esquerdista do P.S.de G., e non se atreveu a cambiar o senso do seu voto ata estas últimas eleccións, en que a coalición de E.U. Con Anova daba moitas máis posibilidades de obter representación parlamentaria. Por outra banda o abandono das políticas progresistas polo P.S.O.E., co seu dramático e desconcertante punto de inflexión en maio do 2010, esgotou a fidelidade de voto ao P.S.O.E. de moitos votantes de esquerdas cansos da súa orientación socio-liberal.
Polarización política:
Os votantes de esquerdas ou meramente progresistas mudaron o seu voto a posicións máis esquerdistas e, aínda que na banda dereita a existencia de unha opción única fai o fenómeno menos visíbel, tamén parece que os votantes conservadores tenden a deixar posturas máis centristas e a enrocarse en posicións nitidamente dereitistas. Iso explicaría os pobres resultados de opcións centristas como U.P. y D. e Compromiso por Galicia.
A polarización política pode ser consecuencia da crecente polarización social (xa sabemos, as vendas de coches baixaron excepto as de coches de luxo), de unha reafirmación nas crenzas políticas causadas polo medo derivado da decadencia económica, pola aparición dunha clase precaria ante a que se reafirma a xente que conserva un marco de vida seguro...
Se ben haberá quen vexa como positivo que o cambio clarifique unha pinga o campo da esquerda, a polarización política da sociedade non deixa de ter os seus aspectos inquietantes pois, lembrando antecedentes históricos, podería ser indicio de un futuro aumento da virulencia dos conflitos sociais.
Recuperación da diverxencia política entre o agro e a cidade:
Unha dato rechamante destas eleccións foi que, despois de moitos anos en que cada vez se ían facendo máis semellantes os comportamentos do electorado urbán e rural, nestas eleccións voltou a crecer a diverxencia. Na cidade o P.P. baixou apreciablemente o seu apoio electoral mentres que nos concellos rurais aumentou significativamente. Semella un efecto máis da polarización política da que antes falaba. O precariado urbano, provinte das clases traballadoras e media e maioritariamente xove, que ve o seu futuro moverse entre a explotación e a exclusión, tende cara a esquerda. As clases propietarias, non necesariamente con un alto poder adquisitivo pero si con un sentimento de estabilidade e satisfacción, con interese en manter o status quo, tendencialmente de idade avanzada e quizais con medo ao mundo desordeado que amosan as noticias da televisión, reafírmase en posturas conservadoras. O radical envellecemento demográfico do rural e a afluencia de xoves do campo á cidade, que se unen as filas do precariado urbano, explica a diverxencia.
Non visualización de vencello entre a crise e a política galega:
A xente sorprendeuse de que nas eleccións municipais posteriores ao afundimento do “Prestige” os votantes dos concellos máis afectados pola marea negra non castigaran ao P.P. En realidade non se pode dicir que o comportamento deses votantes fose irracional, se ven podían percibir que os responsables no Goberno central e incluso no autonómico, pertencentes ao P.P., o tiñan feito moi mal na xestión do afundimento e consecuencias posteriores, non veían que se puidese imputar responsabilidade algunha aos alcaldes e concelleiros do P.P. de Muxía e demais concellos da Costa da Morte. Neste caso semella terse producido un fenómeno parecido. Me parece a min que a maioría dos votantes non creen que o Goberno galego teña responsabilidade pola crise e que iso explica a falta de castigo electoral. Os partidos da oposición (e as novas opcións centristas) non foron quen de explicar que a política económica a nivel autonómico tamén é decisiva.