Co 95% escrutado, as até de agora principais forzas políticas catalás sofren un duro castigo, mentres que o resto das forzas melloran posicións, compoñendo un mapa parlamentario catalán moito máis plural e equilibrado.
Cunha moi alta participación (70%), o soberanismo (CiU, ERC e CUP) acada unha cómoda maioría absoluta (74/135 deputados), malia que baixe 2 dende os 76 que tiñan CiU, ERC e SI, gañando 5 dende os 69 de ERC e CiU do 2006. Porén, os partidos a prol do dereito á autodeterminación (os soberanistas e IPC) gañan 1 deputado (agora son 87), pola importante suba dos ecosocialistas. Medra tamén o españolismo, que antes acadara 21 deputados e agora 28 (19 do PP e 9 de Citadans, que sobe 6).
Artur Mas xogou as súas cartas e perdeu o envite.Malia que retén a minoría maioritaria (50 /135 deputados, cun 30,7% de votos), perdeu 12 deputados e oito puntos (todo o que gañou entre 2006 e 2010) e precisará do PP, PSC ou ERC para gobernar. Un dilema complexo, tendo en conta que ERC non lle pode mercar os recurtes e nin PP nin PSC lle poden mercar a consulta á cidadanía catalá.
Cál foi a causa desta perda de votos(uns 150.000 votos)? A aposta polo Estado propio? Os recurtes? Semella que a cidadanía apostou polo pluralismo, fuxindo das maiorías absolutas e optou polo dereito a se autodeterminar sen cheques en branco e coa ollada posta nunha xestión máis social e plural da crise.
Canto ao PSC, baixou de 28 a 20 deputados, con só un 14,6% e acadou o peor resultado da súa historia, practicamente empatado en votos co PP e con ERC. Seerá terceiro en escanos, superado por ERC, que acadou os 21 que tiña Carod-Rovira no 2006. Cun discurso independentista, mais integrador, Oriol Junqueras substraeu votos do sector máis catalanista do PSOE e dos sectores da CiU máis socialdemócratas. Porque semella que algúns, diante do repto do Estado propio, decidiron que a xestión do camiño cara ese obxectivo tería que ser cousa de tres, empoleirando a ERC e IPC, mentres entran no “Parlament” os soberanistas antisistema das CUP con 3 deputados, como clara mostra dun avance xeralizado, pero contido do que semella, das plurais esquerdas catalás.
O PP acadou tamén o resultado máis importante da súa historia (13% e 19 deputados, gañando 1 a respecto do 2010 e 2 a respecto do 2006). Mais semella que son poucos estes réditos á vista da radicalidade do seu discurso. Porque, malia que ficou ben claro que case o 35% dos cataláns non queren saber nada da independencia, non é menos certo que arredor dun 60% están a prol da mesma , pui polo menos de que Catalunya decida libremente o seu futuro.